Thursday, 26 February 2015 09:43

O Igape impulsa a colaboración entre Galicia e o País Vasco para aproveitar sinerxías no desenvolvemento das respectivas estratexias industriais

 O director do Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria mantén un encontro de traballo con directivos da Axencia vasca de desenvolvemento empresarial (SPRI) para avaliar posibilidades de cooperación no impulso das respectivas axendas industriais. Os clusters configúranse como parte fundamental da Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0, que aposta polo necesario equilibrio entre o reforzo dos sectores tradicionais e o impulso dos sectores emerxentes. 

Bilbao, 25 de febreiro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo hoxe un encontro con directivos da Axencia Vasca de Desenvolvemento Empresarial (SPRI) na procura de vías de colaboración para aproveitar sinerxías entre ambas entidades no desenvolvemento das respectivas axendas para o desenvolvemento industrial.

Logo de completar unha ampla rolda de contactos con entidades de carácter empresarial, clusters, centros tecnolóxicos e empresas tractoras de Galicia, a Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0 foi presentada hoxe a directivos da SPRI que, á súa vez, trasladaron a visión do Goberno do País Vasco para impulsar o desenvolvemento industrial desa comunidade durante os próximos anos.

Neste sentido, a reunión permitiulle ao director do Igape coñecer de primeira man o desenvolvemento do Plan Estratéxico que está a impulsar o goberno vasco para contrastar as tendencias e estratexias de política industrial aplicables. Como Galicia, o País Vasco fai fincapé no desenvolvemento da industria dentro do seu Plan Estratéxico de Especialización intelixente. Neste marco de colaboración futura, as empresas e os clusters galegos e vascos poderán beneficiarse do coñecemento mutuo e reforzar as súas capacidades para desenvolver proxectos en común.

O director do Igape salientou a importancia que a Xunta concede á Axenda da competitividade, un documento clave para o futuro de Galicia, que aspira a configurar unha industria competitiva, diferenciada e xeradora de emprego de calidade. Aguilera defendeu, ao mesmo tempo, as posibilidades de cooperación, directamente ou a través dos principais clusters, para reforzar o tecido industrial en cada unha das comunidades autónomas.

No caso de Galicia, os clusters configúranse como parte fundamental dunha Axenda que aposta polo necesario equilibrio entre o reforzo dos sectores tradicionais e o impulso dos sectores emerxentes, ademais de pola hibridación multisectorial, que supón a interconexión de sectores distintos na procura de aproveitar as sinerxías entre eles para mellorar a súa competitividade no mercado global.

A través do Igape, a aposta da Consellería de Economía e Industria pasa por seguir apoiando a consolidación de clusters excelentes sobre a base dos dous que xa teñen sido recoñecidos co selo de excelencia Gold Label, o da automoción e o da madeira. Do mesmo xeito, un dos obxectivos do Igape é intensificar o labor de colaboración no seo dos propios clusters e entre diferentes clusters, a nivel tanto nacional como internacional, no marco dunha rede cada vez máis ampla.

Mediante o desenvolvemento da Axenda, a Xunta aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, articulando novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade. O obxectivo final é consolidar en Galicia a chamada Industria 4.0, integrada por fábricas intelixentes, automatizadas, flexibles, interconectadas, sostibles e sociais.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments