Friday, 13 February 2015 14:28

A Xunta salienta o liderado que as grandes empresas tractoras deben xogar no impulso á industria 4.0 en Galicia

 O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo ao longo desta semana encontros de traballo con directivos dunha trintena de grandes compañías para incorporar as súas achegas e suxestións á Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0. O documento busca sumar Galicia á revolución tecnolóxica industrial que ten no seu centro á fábrica intelixente, creando 50.000 novos empregos e incrementando o peso da industria no PIB ata o 20%. Destaca a capacidade das empresas de maior tamaño para dinamizar a actividade de milleiros de pemes, e impulsar a hibridación sectorial.

Santiago, 13 de febreiro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou, durante os encontros de traballo mantidos ao longo desta semana cunha trintena das maiores empresas de Galicia, o liderado que estas compañías tractoras deben xogar no impulso á Industria 4.0 en Galicia. Estas reunións permitiron recabar as súas suxestións de cara a elaboración da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, que busca sumar á Galicia á revolución tecnolóxica industrial que ten no seu centro á fábrica intelixente, creando 50.000 novos empregos e incrementando o peso da industria no PIB ata o 20% en 2020.

 Xunto co director da área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, Aguilera trasladou aos directivos o traballo feito ata o de agora polo Goberno galego no deseño desta Axenda, que está a ser consensuada pola Xunta cos principais organismos intermedios e axentes sociais. Nas reunións de traballo participaron directivos dalgunhas das principais entidades financeiras que operan en Galicia e das principais empresas de sectores industriais, como a automoción, o naval, a pedra natural, o téxtil, a loxística, as TICs, o aeronáutico, as conservas ou o sector agroalimentario.

Aguilera destacou a importancia da implicación destas empresas na Axenda, pola súa capacidade para dinamizar a actividade de milleiros de pemes, así como para impulsar a hibridación sectorial. Durante os encontros, o director do Igape recabou de entre os directivos suxestións para a mellora da estratexia industrial, en eidos como a normativa que sería conveniente modificar para facilitar o desenvolvemento da actividade empresarial.

Ademais, durante os encontros se tratou o desenvolvemento de infraestruturas e do solo industrial –no que a Xunta acaba de aplicar rebaixas de ata o 50%-, loxística, capitalización e crecemento de empresas, a cadea de valor, a formación e profesionalización de directivos, a innovación empresarial ou visión dos cambios desexables para conquistar novos mercados internacionais.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments