Ferrol, 10 de febreiro de 2015.- A colaboración entre a Xunta de Galicia e o Goberno central fai posible que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal sigan contando en 2015 co mellor marco de apoio á actividade empresarial en Galicia, segundo salientou hoxe o director do Igape, Javier Aguilera, durante a presentación da convocatoria Reindus 2015, na que estivo acompañado polo subdirector de Programas Estratégicos do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, Ramón Herrero, e polo alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela.
Neste sentido, o Reindus mantén a dotación de 45,7 millóns de euros para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, co obxectivo de apoiar tanto as novas implantacións industriais como os investimentos para ampliar a capacidade de produción de industrias existentes, ou as relocalizacións de empresas orientadas a gañar competitividade.
Herrero adiantou que a nova convocatoria se publicará a finais de febreiro, contando este ano as empresas interesadas cun prazo adicional de dous meses para asesoramento previo á presentación das súas solicitudes. Perséguese así impulsar proxectos viables que esgoten o crédito orzamentario.
Aguilera Navarro salientou que, deste xeito, se reforza o compromiso con Ferrolterra impulsándose novas iniciativas con capacidade para xerar emprego e riqueza na comarca. O Reindus, explicou, xunto aos apoios da Empresa Nacional de Innovación (ENISA), que tamén se coñeceron hoxe, complementan os instrumentos e liñas de apoio que está a impulsar a Consellería de Economía e Industria no contexto da Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0.
Deste xeito, explicou, e ao amparo do Plan Ferrol, que permite ás empresas das comarcas seguir tendo apoios preferentes, “buscamos dinamizar o crecemento da economía mediante accións de apoio a novos investimentos, á mellora da competitividade das empresas e á promoción para o seu acceso a novos mercados”.
Os préstamos Reindus, a dez anos incluíndo tres de carencia, poderán cubrir o 75% dos investimentos financiables, que serán dun mínimo de 75.000 euros. Os xuros dependerán da avaliación económico-financeira das empresas solicitantes, e poderán partir dunha base do 1,656%, fronte ao 3% mínimo da convocatoria anterior. Como novidade, as empresas poderán acceder ademais a un simulador financeiro para coñecer a puntuación que acadan e, en consecuencia, o xuro que correspondería ao seu préstamo.
Pola súa banda, e como explicou a responsable de Promoción da Empresa Nacional de Innovación (ENISA), Carolina Rodríguez, os instrumentos habilitados pola entidade permitirán apoiar, mediante préstamos participativos comprendidos entre 25.000 euros e 1,5 millóns, a creación, o crecemento e a consolidación de empresas. A este respecto, o director do Igape destacou a cooperación xa establecida entre Enisa e Xesgalicia para avaliar proxectos e, se é o caso, cofinanciar investimentos en Galicia.