Wednesday, 07 January 2015 10:00

O Igape activa axudas por 6,5 millóns de euros para impulsar os investimentos, a competitividade e a internacionalización das empresas galegas

Entre as novas liñas convocadas destaca a destinada a facilitar a renovación de equipos produtivos polas Pemes, coa que se mobilizarán ata 10 millóns. Tamén se pon en marcha unha novidosa convocatoria para fomentar a formación especializada mediante a cooperación empresarial. Arredor dun cento de empresas galegas poderán incorporar outros tantos expertos en internacionalización, e 100 novos titulados terán a oportunidade de participar en proxectos de mellora competitiva do ReAcciona.

Santiago, 2 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de activar un amplo catálogo de axudas, dotado conxuntamente con 6,5 millóns de euros, para impulsar a competitividade, a internacionalización e os investimentos de empresas e emprendedores. Os prazos para a presentación das axudas están abertos ata primeiros de febreiro.

Segundo salientou o director do Igape, Javier Aguilera, o obxectivo é procurar que os emprendedores e as pemes dispoñan, desde o primeiro momento, de instrumentos e axudas adecuadas para impulsar os seus proxectos empresariais. Aguilera destacou que en datas próximas se irán activando novas iniciativas no marco de apoios co que se prevé dar “un impulso definitivo para catalizar a reactivación do tecido produtivo”, dentro do conxunto das actuacións orientadas á consecución da Industria 4.0, que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.

Entre as liñas de apoio que se acaban de convocar cómpre salientar as novas bases de axudas para que as pemes poidan renovar os seus equipos produtivos e mellorar, así, a súa competitividade. A liña permitirá mobilizar arredor de 10 millóns de euros en investimentos. Para acceder a estas novas axudas, dotadas con 2,5 millóns, terán trato preferente os proxectos a desenvolver nas zonas con plans especiais de dinamización –provincias de Lugo e Ourense, e comarcas da Costa da Morte e Ferrol, Eume e Ortegal–, que poderán contar cunha intensidade de axudas superior nun 5% á doutras zonas. As subvencións poderán cubrir ata o 35% dos investimentos subvencionables.

Por outra banda, vén de activarse igualmente unha nova convocatoria do programa Galicia Emprende, dotada con 500.000 euros en axudas para emprendedores que queiran poñer en marcha un novo negocio ou consolidalo, co que se prevé mobilizar 1,5 millóns de euros. Este programa compleméntase, segundo recordou o director do Igape, cos apoios habilitados a través do Fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedoras, e outros fondos de Xesgalicia.

No eido da internacionalización, abriuse igualmente o prazo para a presentación das axudas para que arredor dun cento de empresas poidan contratar a outros tantos xestores expertos para iniciar ou ampliar as súas exportacións. Os contratos terán maior bonificación se corresponden a parados de longa duración ou se son feitos por empresas das zonas prioritarias por contar con plans especiais de desenvolvemento. Así, os apoios poden cubrir ata o 95% do salario neto dos expertos contratados. Como novidade, este ano as bases, que contan cun orzamento que supera os 570.000 euros, inclúen a subvención de contratos de prestación de servizos por xestores que sexan profesionais autónomos.

Tamén no eido do comercio exterior, o Igape vén de convocar os apoios por 400.000 euros co que se prevé mobilizar 1 millón de euros na realización de estratexias de promoción e internacionalización de empresas do sector téxtil. A porcentaxe de apoio pode chegar ata o 40%, no caso das microempresas.

Reforzamento da competitividade

No tocante ao ámbito da mellora da competitividade, o Igape vén de poñer en marcha por primeira vez un programa para incentivar a formación de capital humano favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos. Está dotado con preto de 700.000 euros.

Por outra banda, tamén se destina un millón de euros a unha una nova convocatoria para a selección de 100 novos titulados que conseguirán formación práctica especializada colaborando como bolseiros na implantación dos proxectos de mellora que se prevén impulsar en 2015, a través do programa Reacciona, en máis de 300 empresas, impulsando así o seu acceso ao mercado laboral.

Ademais, Economía e Industria vén de convocar as axudas para iniciativas abertas de difusión, dotadas con preto de 800.000 euros para favorecer o desenvolvemento de eventos e proxectos dirixidos a incrementar a mellora competitiva das pemes, mediante xornadas técnicas ou encontros para difundir novas técnicas e metodoloxías, ou a facilitar encontros entre emprendedores e investidores privados, entre outros.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments