Santiago, 15 de decembro de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe, no acto de presentación do estudo GEM Galicia 2013, o apoio integral do Goberno galego a todo o ciclo do emprendemento, comezando pola idea de negocio e o deseño do plan de empresa, e chegando ata os primeiros anos da compañía. Este apoio, subliñou, ten por obxectivo procurar que todos os proxectos viables acaden financiamento para poñerse en marcha, e dispoñan de servizos especializados para consolidarse e internacionalizarse.
Aguilera Navarro, que estivo acompañado polo presidente da CEG, José Manuel Fernández Alvariño, salientou que a Consellería de Economía e Industria está a ampliar e reforzar o apoio aos emprendedores galegos, co impulso aos servizos ofrecidos pola Unidade Galicia Emprende e as demais medidas recollidas na Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia.
O informe GEM Galicia 2013 revela o incremento, nun 19%, das iniciativas con menos de 42 meses de actividade que se están a consolidar, así como o descenso da taxa de abandono de iniciativas emprendedoras ata case a metade da rexistrada o ano anterior. Así, Aguilera revelou un incremento na cantidade e calidade dos proxectos que está avaliando o Igape e amosouse convencido de que os resultados do apoio integral achegado pola Xunta, no marco da nova Lei, comezarán a verse no estudo GEM correspondente a 2014.
Para poñer de manifesto o reforzamento dos instrumentos de apoio ao emprendemento, o director do Igape referiuse á ampliación do Fondo Galicia Emprende, que contará con 5 millóns de euros para financiar novos proxectos, e á próxima creación da Rede Galega de Investidores Privados, como plataforma para facilitar a confluencia e a mellor coordinación de recursos públicos e privados, promovendo o cofinanciamento de novas empresas.
Así mesmo, Aguilera destacou que se están a poñer en marcha en Galicia proxectos emprendedores dinámicos e con gran potencial de futuro. A modo de exemplo referiuse ao caso da empresa tecnolóxica Torus, que vén de gañar o premio nacional Emprendedor XXI promovido por La Caixa en colaboración con Enisa, ou aos dez proxectos preavaliados que veñen de presentarse no Foro de investimento Galicia Emprende, organizado polo Igape e Xesgalicia, na procura de financiamento tanto público como privado.
O director do Igape tamén lembrou que a Xunta está a reforzar a Rede Galega de Mentores, integrando a xestores expertos que colaboran de modo altruísta para impulsar o crecemento das novas empresas. Ademais, avanzou a creación dunha rede de viveiros para facer posible que emprendedores que o precisen atopen un aloxamento inicial axeitado para as súas necesidades. Deste xeito, dixo, reforzarase aínda máis o abano de instrumentos para facilitar a consolidación e a internacionalización dos novos proxectos empresariais.