Rabat (Marrocos), 10 de decembro de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, ven de manter en Rabat e Casablanca encontros con empresarios e axencias do Goberno marroquí para avaliar as oportunidades de negocio para as ampresas galegas en sectores que se atopan en expansión no país africano, como a agroindustria, a construción, o téxtil, as renovables, a loxística, as TICs ou o aeroespacial.
Acompañado polo director de internacionalización do Instituto, Abel Veiga, Aguilera mantivo en Casablanca reunións de traballo coa encargada de relacións internacionais da Confederación Xeral de Empresarios do país africano (CGEM), Sophia Ayoub El Idrissi, e co director xeral da Asociación Marroquí de Industrias Téxtiles (AMITH), Mohamed Tazi, nas que se avaliaron oportunidades de negocio bilateral en diversos sectores de actividade. O director xeral do Igape mantivo tamén, en Rabat, un encontro con Karim Besri e Nahla Benslama, directivos da Axencia Marroquí para o Desenvolvemento dos Investimentos (AMDI-Invest in Morocco), cos que abordou as posibilidades de alianza e cooperación entre empresas galegas e africanas para incrementar a actividade económica bilateral.
No encontro cos representantes de AMDI abordáronse ademais as posibilidades de cooperación tanto institucional como entre empresas ou clústers e asociacións empresariais, nun país que tamén está en disposición de servir como porta de entrada cara a outros mercados africanos. Javier Aguilera reuniuse tamén coa directora xeral da Axencia Nacional de Portos (ANP) de Marrocos, Nadia Laraki, coa que avaliou as posibilidades de mellorar a loxística portuaria ao servizo do incremento das relacións comerciais entre Galicia e Marrocos. Neste encontro tamén se abordaron as oportunidades de negocio futuro para empresas de enxeñaría e construción, dado que a medio prazo Marrocos prevé impulsar a construción de cinco novos portos.
O obxectivo dos contactos é a consolidación do crecemento das exportacións galegas a este país, incrementando o número de compañías implantadas neste mercado, que tras medrar un 6,5% chego a 540 en 2013. Galicia rexistrou unhas exportacións a Marrocos de 456 millóns o pasado ano, e a Xunta aposta por consolidar o incremento dos intercambios comerciais mediante este programa de encontros, organizado en colaboración coa plataforma da Rede Pexga no país africano.