Santiago, 18 de setembro de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe a importancia da formación especializada dos empresarios para asegurar a expansión das pemes cara a mercados exteriores. Durante a súa participación esta mañá na clausura e entrega de diplomas aos 26 emprendedores que participaron nos cursos Emprendex, centrados na elaboración de plans de empresa con vocación de internacionalización, Aguilera Navarro salientou tamén os servizos e apoios da Xunta para cada fase de internacionalización empresarial.
O sector agroalimentario concentra o 35% dos proxectos de empresa internacional elaborados nesta edición do Programa Emprendex, desenvolvida mediante un acordo de colaboración entre o Igape e a Escuela de Organización Industrial (EOI). O 20% cento dos alumnos optaron por proxectos para empresas de consultaría, e a seguir colocáronse os proxectos para sectores como o turismo e ocio, servizos en xeral, moda ou enerxías renovables, entre outras actividades.
Polo que se refire ás áreas xeográficas escollidas, case o 65% dos proxectos realizados ao amparo do programa Emprendex teñen Europa como mercado de destino. Case o 16% dos proxectos céntranse en América do Sur, 10% en América do Norte e o 10% en Asia.
Os cursos hoxe clausurados estiveron orientados a persoas con idea de empresa e vocación de poñela en marcha, así como a empresarios interesados en mellorar analizando a apertura das súas compañías cara a mercados exteriores. A formación impartida aos emprendedores participantes incluíu módulos sobre as TIC, marqueting, finanzas, contratación e fiscalidade, tanto nacional como internacional. O curso incluíu unha media de 12 horas de titoría personalizada para cada emprendedor.
No marco de cooperación entre o Igape e a EOI para a formación empresarial xa se clausuraron os cursos especializados para a creación de empresas. En datas próximas serán clausurados os cursos de formación en licitacións internacionais e os cursos en xestión internacional da empresa.