Moraña (Pontevedra), 1 de xullo de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou hoxe as instalacións das empresas Celtic Estores e Vertifil en Moraña, onde salientou o labor do Instituto como xanela única da Xunta para impulsar a internacionalización das empresas galegas mediante un apoio integral en todas as fases do ciclo exportador.
Segundo salientou Aguilera Navarro, o apoio integral da Xunta aos procesos de internacionalización empresarial inclúe formación especializada neste ámbito para novos titulados e para empresarios, diagnósticos gratuítos sobre o potencial de internacionalización das empresas galegas, servizos de apoio, tanto en orixe como en destino, e axudas financeiras para iniciar ou consolidar as implantacións comerciais no exterior.
Aguilera percorreu as instalacións de Vertifil e Celtic Estores, que empregan en Moraña a 261 traballadores. Vertifil produce uns 4.000 metros diarios de tecido para cortinas, mentres que Celtic Estores fabrica unhas 3.000 cortinas por día. Ambas empresas forman parte de Celtic Group, empresa familiar galega que factura arredor de 50 millóns de euros e conta con outros centros produtivos en Cataluña, Italia e Miami.
Especializado no ámbito da decoración e a protección solar, Celtic Group está presente nos principais mercados de Europa, pero tamén en Xapón, Australia, América do Norte e América Latina.
Celtic Estores, que se ten apoiado en diferentes programas do Igape para avanzar na súa internacionalización, ten participado no desenvolvemento de proxectos de equipamento de centros tan salientables como o Palau de la Música de Barcelona, a Tour First de París, a Torre da Auga de Zaragoza, a Torre Iberdrola de Bilbao, ou a Torre Caja Madrid Repsol na capital de España.