Tuesday, 10 June 2014 12:16

A Xunta movilizará 15 millóns de euros en investimentos empresariais mediante os préstamos Jeremie-Igape do Programa Galicia 1000

Esta pioneira liña de financiamento que vén de ser activada conta cunha dotación inicial de 8 millóns de euros. Financiarase ata o 70% dos proxectos de novos investimentos, ampliación de instalacións ou diversificación da produción con préstamos de ata 1 millón. As bonificacións previstas permitirán que os xuros efectivos resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%.

 

Santiago, 10 de xuño de 2014.- A Consellería de Economía e Industria vén de activar a nova convocatoria de préstamos directos Jeremie-Igape, unha liña pioneira en Galicia que conta cunha dotación inicial, ampliable segundo a demanda, de 8 millóns de euros procedentes de fondos Feder coa que se aspira a mobilizar 15 millóns de euros no tecido empresarial galego.

Mediante esta iniciativa, que forma parte do paquete integral de financiamento Galicia 1000, concederanse préstamos comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros, cos que se poden financiar ata o 70% de investimentos de Pemes ou microempresas consistentes en novas instalacións produtivas, así como investimentos destinados a ampliar, modernizar ou diversificar instalacións xa existentes.

Os prazos de amortización serán de ata 7 anos con un de carencia e con xuros fixos referenciados ao euríbor. As bonificacións de xuros previstas permitirán que os tipos efectivos resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%. Os xuros calcularanse  sumando ao euríbor a un ano vixente no momento da concesión un tipo adicional que oscilará entre  +0,75 e +3%, en función do importe do préstamo.

Poderán financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licenzas de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica.

Os préstamos Jeremie-Igape constitúen unha das partes fundamentais do programa  de financiamento empresarial Galicia 1000, co que a Xunta apoiará 1.000 novos proxectos empresariais dando resposta ás distintas necesidades que poida ter a empresa en función da súa situación, e que inclúe ademais instrumentos como o capital risco, préstamos participativos, préstamos bancarios bonificados para investimentos, préstamos avalados e garantías para o financiamento de operacións de circulante.

Deste xeito, a Xunta colabora co empresariado galego nas diferentes situacións financeiras que poida atravesar, co obxectivo de que ningún proxecto viable quede sen levarse a cabo por falta de financiamento, e impulsando a rexeneración do tecido produtivo, a recapitalización dos empresas e a execución de novos investimentos encamiñados á creación de riqueza e emprego.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments