Santiago, 17 de marzo de 2013.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, está a achegar aos xerentes e técnicos dos clusters galegos metodoloxías e titoría especializada para avanzar na súa diversificación e procura de novos nichos de negocio. Neste sentido, o director do Igape, Javier Aguilera, participou está mañá na apertura dun curso específico impartido en Santiago e que conta coa participación de representantes de doce clusters e de bolseiros do programa ReAcciona.
Aguilera Navarro salientou o esforzo que está a facer a Xunta, a través do Igape, para facilitar a mellora da competitividade das empresas galegas valéndose dos clusters que destacan polos seus avances no camiño cara a excelencia, como as pancas máis axeitadas para progresar na mellora da xestión e na internacionalización do tecido produtivo.
O curso, promovido polo Igape no marco do programa comunitario ATC4 Excellence, está impartido por un titor experto formado especificamente para facilitar o acceso das empresas galegas, a través dos seus clusters, ás metodoloxías validadas pola Comisión Europea.
Unha vez máis, Galicia está a ser pioneira na aplicación destas ferramentas. De feito, este é o terceiro curso que se está a desenvolver en Europa sobre nesta materia, logo dos impartidos en Alemaña e Turquía.
Na parte teórica deste curso, que continuará durante a semana próxima, os representantes dos clústers participantes poderán coñecer casos de estudo referidos a diversos sectores e países, desenvolvidos pola Harvard Business School e pola European Foundation of Cluster Excellence. A continuación, e ata fin de ano, os clusters desenvolverán o traballo de análise e avaliación das empresas para coñecer as posibilidades de mellora e diversificación dos seus modelos de negocio. Nesta fase, os clusters seguirán a contar co apoio do titor experto e, nalgúns casos, coa colaboración dos bolseiros ReAcciona asignados ao efecto.