Wednesday, 15 January 2014 14:34

Conde destaca a activación de 12 programas de impulso empresarial que mobilizarán máis de 120 millóns de euros

As distintas liñas activadas polo Igape e a Axencia Galega de Innovación suman preto de 45 millóns de euros. O obxectivo é mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento. O conselleiro de Economía resalta “o esforzo técnico e administrativo” desenvolvido para que Galicia inicie o ano cun importante músculo financeiro a disposición das empresas.

Santiago, 15 de xaneiro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe o importante “esforzo técnico e administrativo” que está a desenvolver o Goberno galego para que o tecido empresarial galego dispoña dun “importante músculo financeiro” que lles permita levar a cabo proxectos de crecemento e creación de emprego. Neste sentido, Conde, que estivo acompañado polo director do Igape, Javier Aguilera, e polo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, resaltou a activación, no arranque do ano, de 12 programas de apoio ao tecido empresarial galego.

“A través destas iniciativas pomos a disposición das nosas empresas cerca de 45 millóns de euros que mobilizarán máis de 120 millóns”, explicou o conselleiro. Deste xeito, o importante traballo levado a cabo permite impulsar, desde o primeiro momento e en colaboración co tecido empresarial, o financiamento de proxectos que favorecen o emprendemento e a innovación, apoian a mellora da competitividade das empresas e potencian a súa internacionalización. “Aspiramos a que ningún proxecto viable quede sen executar por falta dos instrumentos de apoio axeitados”, incidiu Conde.

Así, e segundo subliñou o titular de Economía e Industria, as empresas galegas contan xa cun amplo abano de programas de actuación que promoven os grandes investimentos empresariais e impulsan a creación de empresas e de emprego na Comunidade, como o Galicia Inviste –que respalda proxectos de investimento para dinamizar a actividade económica e o emprego-, ou o Galicia Emprende –destinado a apoiar a posta en marcha de novas empresas-, que mobilizarán, de xeito conxunto, 50 millóns de euros.

A ambos programas se lles suma o Fondo Galicia Emprende, fondo de capital risco que busca incidir na creación e as primeiras etapas das empresas; o Programa de Investimentos Tecnolóxicos no Sector Servizos, que permitirá a súa mellora competitiva; e a liña de promoción de iniciativas de difusión, que facilita a participación das pemes galegas en eventos de interese para impulsar a súa competitividade.

Así mesmo, explicou Conde, outras liñas de actuación céntranse no fomento da innovación, caso do Conecta Pemes, que prima o desenvolvemento de proxectos de colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos; e o Fondo I2C, que respalda a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en sectores tecnolóxicos concretos.

O conselleiro tamén incidiu na importancia da internacionalización para o crecemento do tecido empresarial e a súa mellora competitiva. Neste sentido destacou o Plan Primex, que mobilizará 6 millóns no apoio á primeira implantación no exterior das empresas galegas, e o programa de contratación de xestores, que permitirá o emprego de especialistas en internacionalización.

Por último, Conde sinalou que nos vindeiros días se activarán dúas novas liñas: a de investimentos innovadores co obxectivo de incrementar a capacidade tecnolóxica das pemes; e a de fomento da propiedade industrial, que persegue a protección das innovacións mediante títulos de propiedade industrial para garantir a súa futura explotación.

“Estamos convencidos de que a posta en marcha de programas que facilitan o financiamento de proxectos, xunto co importante proceso de reestruturación bancaria levado a cabo, contribuirán de modo decisivo a impulsar as novas empresas encamiñándonos ao crecemento e á creación de emprego”, incidiu Conde.  

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments