Vigo, 18 de decembro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá en Vigo, durante unha xornada sobre emprendemento desenvolvida co Circulo de Empresarios de Galicia, que coa nova Lei do Emprendemento e da competitividade de Galicia, aprobada onte no Parlamento Galego, se achega cobertura integral aos novos proxectos empresariais.
No encontro, no que tamén participou o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, Aguilera subliñou que Galicia dispón dos instrumentos necesarios para avanzar tanto no ámbito estrutural, promovendo un cambio de mentalidade que prestixie o labor do emprendemento, como no ámbito operativo, impulsando unha mellor coordinación de todos os recursos, tanto públicos como privados.
O director xeral do Igape destacou que a nova Lei de emprendemento mellora a fiscalidade para a creación de novas empresas e facilita a eliminación de trabas, axilizando tanto os procesos de creación como os de consolidación de novos proxectos, no marco dun ecosistema emprendedor que dispoña de cobertura idónea en todas e cada unha das fases da creación e consolidación de novas empresas.
Aguilera Navarro salientou a posta en marcha a semana pasada da Unidade Galicia Emprende, que asesora e apoia os emprendedores galegos, emitindo informes de viabilidade para proxectos maduros nun prazo máximo de 30 días, e incorporando puntos de atención para acelerar os tempos de constitución dunha nova empresa.
O director do Igape destacou como obxectivo conseguir, pola vía da cooperación, que cada vez haxa máis proxectos empresariais e que cada vez sexa maior a consolidación de empresas nos seus primeiros anos de funcionamento.
Salientou que esa meta van encamiñados os esforzos da Xunta de Galicia, mediante o reforzamento de instrumentos como a futura Rede Galega de Business Angels, chamada a fortalecer as vías de financiamento desde o ámbito privado, a Rede Galega de Mentores, con especialistas en xestión dispostos a compartir a súa experiencia cos novos empresarios, e a Rede de Viveiros Galicia Emprende, que facilitará o acollemento de novos proxectos nun ámbito favorable á xeración de sinerxías.
O director xeral do Igape lembrou que a Consellería de Economía e Industria xa publicou a convocatoria do programa Galicia Emprende, deseñado para apoiar a novos emprendedores, pemes ou autónomos que exerzan ou teñan intención de desenvolver a súa actividade económica en Galicia, co que se prevé mobilizar 10 millóns de euros en investimentos e cuxo prazo de presentación de solicitudes comezará o próximo 2 de xaneiro.