Monday, 11 November 2013 15:07

O Igape apoiará a máis dun cento de emprendedores nos procesos de elaboración e avaliación dos seus plans de negocio

Economía e Industria organiza, en colaboración coa CEO, a Fundación CEL e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra tres programas de formación teórica e práctica para apoiar a posta en marcha e a consolidación de novas empresas. Os seminarios van destinados tanto a persoas emprendedoras que pensan en montar un negocio como a empresarios ou autónomos con menos de 42 meses de actividade que queren avaliar ou reorientar a súa empresa.

 

Santiago, 9 de novembro de 2013.- Máis dun cento de emprendedores galegos poderán contar co apoio facilitado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para elaborar e avaliar os seus respectivos plans de negocio, no marco dos seminarios específicos que se van desenvolver en Ourense, Lugo e Pontevedra, en colaboración coa CEO, coa Fundación CEL e coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra.

O obxectivo destas sesións formativas é proporcionar aos participantes habilidades e ferramentas sinxelas e útiles para elaborar os plans de negocio das súas empresas e determinar, coa apoio de titores, a viabilidade dos seus proxectos. O programa inclúe tres sesións formativas e dúas de titoría personalizada. Poderán participar ata 40 emprendedores, dous por cada un dos 20 proxectos cos que se prevé traballar, como máximo, en cada un dos tres seminarios programados.

Os seminarios van destinados tanto a persoas emprendedoras que teñan un proxecto de negocio que desexen analizar como a empresarios ou autónomos con menos de 42 meses de actividade que desexen avaliar ou reorientar o seu plan de negocio. Os interesados poden inscribirse, a través da oficina virtual da web do Igape, hasta o próximo 14 de novembro.

En Ourense, as sesións formativas do seminario para a elaboración e avaliación do plan de negocio comezarán o 18 de novembro, na sede da Confederación de Empresarios de Ourense, que colabora no Igape no desenvolvemento desta iniciativa. O seminario de Lugo comezará a desenvolverse o 19 de novembro, na sede da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo. E en Pontevedra, as sesións formativas comezarán o 21 de novembro, na sede de AJE Pontevedra.

Os programas inclúen formación xenérica sobre diferentes modelos de empresa, fiscalidade, recursos ou fontes de financiamento; formación específica sobre a elaboración e avaliación dos plans de negocio e o plan económico e financeiro; e sesións personalizadas nas que os promotores reflexionan, co apoio de titores expertos, sobre aspectos como as fontes de financiamento e a viabilidade do plan de negocio elaborado.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments