Thursday, 24 October 2013 13:43

Economía e Industria apunta a Sudáfrica como mercado con potencial para incrementar as exportacións das pemes galegas

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salienta que as exportacións cara ese país xa medraron nun 25% no que vai de ano. Destaca a colaboración como unha clave de éxito para a internacionalización das pemes galegas.

 

Santiago, 24 de outubro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe o potencial do mercado sudafricano para incrementar as exportacións das pemes galegas, durante a súa intervención na apertura da xornada sobre oportunidades de negocio cara este país na que participou tamén a embaixadora de Sudáfrica, Fikile Magubane.

Neste sentido, Aguilera salientou que as exportacións galegas a Sudáfrica xa medraron ata agosto deste ano nun 25% sobre o total do ano pasado. Do mesmo xeito está a incrementarse o número de empresas galegas que exportan a Sudáfrica, 237 en 2012, un 20% máis ca no ano anterior.

Organizada polo Igape, a xornada que se está a desenvolver hoxe en Santiago de Compostela permite aos empresarios asistentes coñecer as oportunidades de negocio que brinda este potente mercado, así como compartir a experiencia de empresas galegas e españolas coñecedoras dese país.

Javier Aguilera animou aos empresarios a buscar os servizos e apoios do Igape para apostar en firme por mercados potentes e aínda pouco explorados polas empresas galegas, e salientou a aposta da Consellería de Economía e Industria por promover a cooperación entre as empresas e a diversificación dos mercados obxectivo.

O director do Igape lembrou a existencia de programas novos como o Cooperex, un servizo preparado para procurar as alianzas entre empresarios con intereses complementarios que poden acceder a novos mercados de xeito conxunto. Como exemplos de iniciativas de internacionalización en colaboración xa en marcha, Javier Aguilera referiuse ao plan Primex do Igape, que está a servir para que 250 empresas estean a traballar, ao abeiro de proxectos de cooperación, na súa implantación comercial en mercados de América, África ou Europa.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments