Wednesday, 23 October 2013 18:38

Conde salienta a importancia da formación especializada para que as pemes galegas sigan avanzando en internacionalización

O conselleiro de Economía e Industria anuncia na Coruña novas iniciativas formativas en colaboración coa Escuela de Organización Industrial. A través do Centro de Excelencia na Xestión das Pemes galegas impulsarase a competitividade de 300 empresas galegas. Destaca que Galicia é a segunda comunidade cun mellor saldo comercial no que levamos de ano, con 2.568 Millóns de euros.

 

A Coruña, 23 de outubro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na Coruña a importancia da formación especializada e do capital humano para que as empresas galegas continúen a avanzar en internacionalización. Conde apuntou que "é o talento galego o que lidera o gran crecemento que están a acadar as nosas exportacións".

O conselleiro foi o encargado de clausurar a xornada sobre o programa de formación en internacionalización impulsado pola Escuela de Organización Industrial e o Igape, e entregar os diplomas aos participantes no curso 2012-2013, durante o cal representantes de 74 empresas da comunidade recibiron formación especializada en internacionalización.

Na súa intervención, Conde anunciou dous novos acordos entre a Escola de Organización Industrial e o Igape, que suman máis de 2 millóns de euros: un novo programa de cursos dirixido a técnicos e directivos de empresas galegas, pensando para achegar a mellor formación en internacionalización, e o Centro de Excelencia na Xestión das Pemes galegas.

Esta última iniciativa, da que se beneficiarán 300 compañías de toda Galicia, céntrase en aumentar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas impulsando a creación de redes de compañías, a cooperación e a incorporación das TIC, permitindo dirixir formación específica e consultaría ás pemes.

O conselleiro, que sinalou que Galicia se sitúa como a segunda comunidade autónoma cun mellor saldo comercial no que levamos de ano, con 2.568 millóns, grazas ao esforzo das compañías da comunidade e á estratexia integral de apoio á internacionalización que está a desenvolver a Xunta, apuntou que dentro desta estratexia é clave a aposta polo talento e pola formación.

Subliñou que "Galicia está a mirar ao exterior e demanda persoal preparado", salientando que o Igape leva axudado a máis de 110 especialistas en internacionalización a acadar un emprego no que levamos de ano a través da súa bolsa de traballo.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments