Santiago, 15 de outubro de 2013.- O director do Igape, Javier Aguilera, e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, salientaron que o acordo de colaboración presentado hoxe entre o Cluster TIC e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) permitirá avanzar na transferencia da innovación e o coñecemento como unha das claves para garantir a mellora da competitividade das empresas galegas.
O convenio asinado no Igape polo presidente do clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e polo director xeral de Gradiant, Fernando Pérez González, permitirá a cooperación neste ámbito para facilitar a transferencia de tecnoloxía desenvolvida por Grandiant ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación galego.
Ao mesmo tempo, o acordo permitirá que o centro tecnolóxico Gradiant estea puntualmente informado sobre as necesidades do sector TIC galego en materia de I+D+i, e facilitarase ademais o desenvolvemento de actividades conxuntas para a promoción e a realización de proxectos no ámbito da I+D+i
A Consellería de Economía e Industria aposta por potenciar a excelencia dos clústers galegos como pancas para a dinamización da economía, traballando na consolidación de clústers sectoriais representativos e potentes, con capacidade de desenvolver proxectos intersectoriais ou mesmo internacionais.
Nesta liña, a Xunta de Galicia destina este ano, a través do Igape, 4,2 millóns de euros a financiar proxectos destinados a consolidar clústers excelentes e con potencial para actuar como motores para achegar innovación e competitividade ás pemes representadas. Deste xeito os clústers poderán actuar como aceleradores, como pancas para o desenvolvemento da industria e dos servizos, como dinamizadores da actividade da xeración de emprego nas pemes.
A subscrición do convenio presentado hoxe está asociada ao traballo de coordinación entre os clústers galegos que vén desenvolvendo a Consellería de Economía e Industria a través do Igape. Apóstase pola cooperación como mellor fórmula para sacar o máximo rendemento dos recursos dispoñibles e para beneficiar a un maior número de empresas, impulsando a cooperación das empresas nestas asociacións sectoriais, a colaboración entre os diferentes clústers e a estreita relación dos mesmos cos centros tecnolóxicos.
Grazas a esta labor de dinamización, e ás reunións nos grupos de traballo cos xerentes dos clústers, son xa varios os convenios de colaboración asinados entre eles, como o acordo entre Clusaga (alimentación) e a AEI Termal, entre Clusaga e Portugal Foods, entre Cluergal (enerxías renovables), Acluxega (xeotermia) e Agaen (autoconsumo enerxético) ou, máis recentemente, entre Cointega (téxtil) e Clúster TIC.