Thursday, 10 October 2013 08:46

O Igape avalía co director do Fondo Europeo de Investimentos as posibilidades de financiamento para as empresas galegas

O director do Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria, Javier Aguilera, reuniuse en Luxemburgo co director executivo do FEI, Richard Pelly, para afondar nas posibilidades de acadar fondos para as pemes galegas durante os próximos anos. O Fondo Europeo de Investimentos ten como obxectivo mellorar o financiamento das pemes achegando participacións en capital risco e garantías.

Luxemburgo, 9 de outubro de 2013.- O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo esta tarde en Luxemburgo un encontro co director executivo do Fondo Europeo de Investimentos (FEI), Richard Pelly, co obxectivo de afondar nas posibilidades de colaboración para habilitar novas vías de apoio financeiro para as pemes galegas durante os próximos anos.

O FEI ten como obxectivo mellorar o financiamento das pemes mediante a achega de participacións en capital risco, a través de fondos que invisten directamente nas pemes –como os xestionados por Xesgalicia– e garantías concedidas a entidades financeiras públicas ou privadas que, á súa vez, financian ás pemes.

O Fondo Europeo de Investimentos facilita asesoramento financeiro e recibe mandados de xestión financeira da Comisión Europea, do Banco Europeo de Investimentos, a quen corresponde a maioría do capital, e de terceiros. A CE encomenda ao FEI a xestión de programas plurianuais orientados ás pemes.

Dentro do Programa Marco para a Innovación e a Competitividade (PIC 2007-2013), o FEI xestiona en concreto a Iniciativa Empresarial e de Innovación (IEI), dotada con 1.100 millóns de euros e destinada a dous instrumentos: o mecanismo para as pemes innovadoras e de crecemento rápido (MIC), e o mecanismo de garantía peme que proporciona garantías a préstamos.

O FEI tamén se ocupa da xestión dos instrumentos relacionados coa financiación mediante microcréditos, instrumento de grande importancia en Galicia debido ao importante número de microempresas. O FEI xestiona instrumentos como o de acción concertada de apoio ás institucións de microcrédito (Jasmine).

Por outra banda, o FEI tamén exerce como titular ou xestor da iniciativa Jeremie, que se desenvolverá ata 2015 con financiamento procedente dos programas operativos dos fondos estruturais e de institucións públicas nacionais e entidades financeiras internacionais. Neste caso, o FEI encárgase de seleccionar e acreditar intermediarios financeiros como os fondos de capital risco ou os fondos de garantía e contragarantía.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments