Monday, 30 September 2013 16:23

Economía e Industria salienta a capacidade dos autónomos para contribuir ao crecemento da economía

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participa na sesión inaugural da IV Convención anual de presidentes de asociacións organizada pola Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) que se desenvolve hoxe no Pazo de Mariñán. Destaca as diferentes ferramentas postas ao seu dispór pola Consellería, como o programa re-Emprende. A través desta iniciativa apóiase a posta en marcha de novos negocios ou a consolidación das empresas con menos dun ano en funcionamento con axudas de ata o 50%.

 Bergondo (A Coruña), 30 de setembro de 2012.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, que participou na inauguración da IV Convención anual de presidentes de asociacións organizada pola Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), recoñeceu o potencial e a capacidade dos empresarios autónomos galegos para facer fronte ás dificultades reinventando os seus negocios, seguir xerando emprego e contribuír á reactivación da actividade económica en Galicia.

Javier Aguilera lembrou que a Xunta pon á disposición do colectivo servizos e liñas de apoio para apoiar os seus investimentos, para a mellora da competitividade ou para facilitarlles acceso a liquidez. Aguilera Navarro engadiu que os servizos e apoios neste ámbito se van reforzar ao amparo da futura Lei do Emprendemento de Galicia, contando coa colaboración activa de todas as entidades que traballan neste ámbito, entre as que as asociación de autónomos están chamadas a ter un papel relevante.

Entre as diferentes ferramentas que a Consellería de Economía e Industria pon ao dispór do colectivo dos autónomos atópase o programa Re-Emprende, co que se apoia a posta en marcha de novos negocios ou os investimentos das empresas con menos dun ano funcionando con subvencións que poden cubrir ata o 50%. Os investimentos subvencionables poden estar comprendidos entre 35.000 e 500.000 euros e o prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 30 de outubro.

Así mesmo, e co obxectivo de apoiar os proxectos dos emprendedores galegos, a Consellería de Economía e Industria tamén mantén operativo, a través do Igape, o novo programa de microcréditos, que permitirá mobilizar 10 millóns de euros. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes polos emprendedores interesados está aberto ata o 31 de decembro.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments