Vigo, 20 de setembro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá, na presentación do congreso mundial de Whitefish que acolle a sede de Conxemar, a importancia da innovación e da internacionalización como chaves para incrementar a competitividade do sector de produtos do mar e reter así a posición de liderado de Galicia. No acto, Aguilera Navarro recoñeceu que este sector foi un dos pioneiros en apostar pola incorporación dos resultados da investigación a procesos e produtos, razóns polas que é punteiro a nivel mundial.
Neste contexto, o director do Igape salientou o apoio continuado da Xunta de Galicia a esta industria, e sinalou como prioritaria a organización de eventos internacionais como os que organiza Conxemar, para os que tamén está a contar habitualmente co apoio do Goberno galego.
Aguilera Navarro subliñou a incorporación do coñecemento aos procesos empresariais como clave para que as empresas do sector poidan incrementar as súas exportacións e contribuír, deste xeito, á recuperación da economía galega. Neste senso, a Xunta está a poñer a disposición das empresas que operan no mercado de Whitefish un amplo abano de medidas de apoio.
Non en van, o director do Instituto salientou que, só a través do Igape, a Consellería de Economía e Industria destina este ano máis de 24 millóns de euros en axudas directas para promover a mellora da competitividade e a internacionalización das empresas. Axudas que, segundo adiantou, se resolverán polo sistema de concorrencia competitiva durante as próximas semanas, e que permitirán dar un novo impulso ás empresas galegas neses ámbitos de xestión.
A estas axudas directas súmanse programas de servizos avanzados como o ReAcciona, que está a conseguir un amplo recoñecemento entre as pemes galegas ao permitirlles coñecer o seu potencial de internacionalización ou incrementar a súa competitividade mediante a implantación de proxectos de mellora; ou o Reexport, que prevé mobilizar 8 millóns de euros en préstamos para financiar exportacións.
O próximo 30 de setembro, o Congreso Mundial de Whitefish xuntará en Vigo a autoridades e delegados e expertos dos principais países produtores, como Rusia, Noruega, Islandia, Canadá, Perú, Arxentina, Uruguai, Namibia, Sudáfrica, Nova Zelanda ou China. Así, ministros de pesca, espertos da FAO e directivos da industria internacional analizarán e avaliarán en Galicia asuntos como recursos, mercados, abastecemento e utilización das principais especies de pescado branco.