Santiago, 3 de setembro de 2013.- Abel Veiga Copo vén de ser nomeado director da área de internacionalización do Igape, para coordinar todos os servizos e apoios habilitados pola Consellería de Economía e Industria co fin de facilitar a expansión exterior das empresas galegas.
Doutor en Dereito, graduado superior en Ciencias Xurídicas e licenciado en Ciencias Políticas, Abel Veiga é autor de numerosas publicacións, técnicas, tanto individuais como colectivas, en ámbitos xurídicos e nos relacionados coa xestión e o financiamento das empresas. Durante os últimos anos ten desenvolvido unha intensa labor docente como profesor de Dereito na Universidade Pontificia Comillas, así como profesor invitado en Universidades de Colombia e Guatemala.
Coa súa incorporación ao Igape, a Consellería de Economía e Industria aposta reforzar os procesos de expansión exterior das empresas galegas promovidos pola Xunta de Galicia, para afianzar e consolidar unhas exportacións que medraron preto dun 20% no que vai de ano.
A boa marcha das exportacións das empresas galegas ten relación directa coa forte aposta da Xunta pola internacionalización da economía como unha das claves, xunto ao emprendemento e a innovación, para gañar competitividade e xerar emprego. Así, co obxectivo de apoiar esa saída ao exterior das firmas galegas, incrementou este ano nun 10% os orzamentos destinados a este ámbito, ata superar os 20 millóns de euros.
Entre os programas máis destacados da Consellería de Economía e Industria para respaldar o esforzo exportador de Galicia atópase o Plan Primex, destinado a facilitar as primeiras implantacións comerciais no estranxeiro de grupos de polo menos tres empresas galegas. A este programa súmanse outros como o ReExport, que prevé mobilizar 8 millóns de euros en préstamos avalados polo Igape para financiar as exportacións, ou o programa para a incorporación de xestores especializados en internacionalización ás empresas galegas.