Santiago, 3 de xullo de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia pola internacionalización do tecido empresarial galego, posto de manifesto a través de diferentes programas que facilitan a saída ao exterior das pemes galegas. Neste sentido, subliñou a importancia das novas bases específicas de apoio á internacionalización que, presentadas hoxe, contan con 9 millóns de euros para fomentar á implantación exterior das empresas galegas.
Estas bases, como lembrou Aguilera, complementan ás liñas xa convocadas para a contratación de xestores de internacionalización e ás bolsas para formar especialistas en comercio exterior, dotadas de modo conxunto con máis de tres millóns de euros. Deste xeito, Economía e Industria destina máis de 12 millóns de euros en axudas directas para dinamizar as exportacións e para procurar que o número de empresas exportadoras, que medrou un 5% durante o primeiro trimestre deste ano, sexa cada vez maior.
Unhas axudas directas que ás que, como explicou o director do Igape, cabe sumarlles o programa ReExport, que financia as exportacións das empresas galegas mediante a mobilización de 8 millóns de euros en préstamos avalados ao 50%.
Durante a súa intervención, Aqyulera salientou a importancia destas bases no respaldo ás exportacións galegas que, grazas ao apoio continuo da Xunta, teñen medrado un 15% nos primeiros catro meses do ano con respecto ao mesmo período de 2012.
As liñas de axuda que hoxe entran en vigor mobilizarán 15 millóns de euros en tres eidos específicos de actuación. O primerio deles céntrase na organización de misións internacionais inversas, e está destinada a promocionar a colectivos de empresas galegas facilitando o seu contacto directo con potenciais clientes, aliados ou socios.
En segundo lugar, explicou Aguilera, para apoiar a prospección internacional en novos mercados do estranxeiro, previa á posible implantación comercial directa, o Igape apoiará mediante outra das liñas proxectos tanto de empresas como de organismos intermedios que impulsen accións de sondaxe no exterior para un colectivo de compañías.
Finalmente, a nova convocatoria do Plan Primex, para facilitar as primeiras implantacións comerciais de grupos de empresas galegas no estranxeiro, acapara o 90% da dotación e vai destinada a colectivos de polo menos tres empresas que se unen para compartir esforzos, custos e estratexias para lanzar os seus produtos ou servizos mediante a súa implantación en mercados exteriores.
A intensidade das axudas oscila, segundo os programas e os beneficiarios, entre o 45% e o 80% dos investimentos subvencionables. Como novidade deste ano, as axudas terán un plus do 5% cando os beneficiarios dos proxectos sexan clusters ou empresas asociadas a clusters. Así mesmo, e no contexto do reequilibrio territorial promovido pola Xunta, aqueles proxectos que conten con empresas ou organismos de zonas con plans especiais de dinamización –Lugo, Ourense, Ferrolterra e Costa da Morte- contarán tamén cun incremento do 5% na intensidade do apoio.