Santiago, 23 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria destina este ano, a través do Igape, preto de 3,3 millóns de euros a impulsar a formación práctica e a contratación de especialistas en comercio exterior, para contribuír así á internacionalización do tecido empresarial galego contando co apoio de capital humano experto.
Así, mediante o programa de apoio á contratación de xestores de internacionalización, que conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros, facilitarase a incorporación de especialistas en comercio internacional ás empresas e asociacións empresariais galegas para a prospección e acceso a novos mercados. A presentación de solicitudes polas empresas interesadas está aberta ata o próximo 15 de xullo.
As axudas teñen unha cobertura máxima dun ano para as solicitudes de empresas pero poden prolongarse ata dous no caso dos xestores contratados por organismos intermedios para atender a grupos de empresas; as subvencións segundo o caso, parten do 70% ou do 75% do salario bruto anual.
Para favorecer as iniciativas de cooperación empresarial, e como novidade, na convocatoria deste ano prímase de xeito especial aos clústers e ás empresas que forman parte dos mesmos, cun 5% adicional sobre a porcentaxe de axuda, dentro da aposta da Xunta por potenciar os clústers como pancas para a dinamización da economía galega .
A través deste programa recibirán tamén un 5% adicional os beneficiarios que contraten a xestores de ata 30 anos que leven un ano ou máis en situación de desemprego; así como as entidades que teñan o seu domicilio social ou centro de actividade nas provincias de Lugo e Ourense, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a Costa da Morte, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa. Deste xeito, a subvención máxima pode chegar ao 90% durante o primeiro ano, se a contratación suma as tres posibles bonificacións.
Ademais deste programa, que permitiu o ano pasado a contratación de preto de 70 xestores de internacionalización por parte das empresas e agrupacións empresariais galegas, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria por parte do Igape de 20 bolsas de promoción exterior para mozos de ata 30 anos que conten con formación teórica en comercio exterior.
Con este programa, que incrementa en 4 o número de bolsas con respecto á anterior convocatoria, ofrecerase aos novos titulados a oportunidade de recibir formación práctica neste ámbito. Así, colaborarán na internacionalización das empresas galegas e na captación de investimentos cara a Galicia, prestando servizos en destino desde os principais mercados de interese.
Estas bolsas son para un período de 12 meses prorrogable por outros 12, podendo ascender a súa dotación ata os 35.000 euros brutos anuais dependendo do país de destino dos bolseiros. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes remata o día 19 do próximo mes de xullo.
Con estes dous programas a Consellería de Economía e Industria avanza no impulso á internacionalización do tecido empresarial galego como un dos eixos estratéxicos da política económica da Xunta.
A través do Igape, a Xunta de Galicia está a dar resposta integral ás necesidades dos empresarios galegos en cada unha das etapas a seguir no ámbito da internacionalización; desde o coñecemento dos mercados e a valoración de oportunidades, ata a toma de decisións de implantación en mercados exteriores, con servizos tanto en orixe como en destino e coas axudas e apoios financeiros para cada fase da internacionalización.