Tuesday, 11 June 2013 00:00

A Xunta impulsa a competitividade das pemes a través da innovación que achega o programa Innoempresa

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou que "facer accesible a innovación ás pequenas e medianas empresas terá un efecto multiplicador na creación de emprego e riqueza para Galicia". As axudas do programa que se vén de activar apoiarán actuacións de mellora organizativa, de xestión, de innovación tecnolóxica e de calidade. Os proxectos de empresas localizadas en zonas con plans Impulsa acadarán maior intensidade de axuda.

Santiago, 11 de xuño de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que o programa Innoempresa do Igape, co que se prevé a mobilización de 7 millóns de euros en proxectos das pemes, ten por obxectivo "facer accesible a innovación ás pequenas e medianas empresas, o que terá un efecto multiplicador na creación de emprego e riqueza para Galicia".

O programa Innoempresa, en cuxa presentación participou tamén o director do Igape, Javier Aguilera, está dotado con máis de 3 millóns de euros en axudas para apoiar o financiamento de proxectos empresariais orientados a impulsar a competitividade a través do incremento da capacidade innovadora das pemes, aspecto que Aguilera considerou fundamental para que as empresas poidan mellorar, consolidarse e conquistar novos mercados.

Teñen preferencia e apoios de especial intensidade os proxectos localizados nas provincias de Lugo, Ourense, Ferrolterra e Costa da Morte, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa, así como os que prevén creación de emprego, especialmente nos colectivos de difícil acceso ao mercado laboral, e os proxectos de cooperación.

A través do Innoempresa, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 8 de xullo, facilítase con apoios que poden chegar ata o 50% do investimento subvencionable a posta en marcha de proxectos empresariais ao amparo de tres liñas básicas de actuación: innovación organizativa e xestión avanzada; innovación tecnolóxica e calidade; e proxectos de innovación en colaboración. Estes gozan de prioridade fronte aos proxectos individuais das pemes e acadan as máximas intensidades de axuda do programa, que na anterior convocatoria mobilizou 6,5 millóns de euros en máis de 180 proxectos dos cales se beneficiaron 266 pemes galegas.

Por primeira vez, este ano a convocatoria do programa Innoempresa desenvólvese en cooperación coa Axencia Galega de Innovación. O programa enmárcase, polo tanto, no impulso da Xunta á mellora competitiva e á innovación empresarial como eixos para a reactivación económica de Galicia, e súmanse a instrumentos como o fondo de capital risco i2C, e aos programas que desenvolve a Axencia Galega de Innovación, como o Innterconecta, que permitirá na súa segunda fase a mobilización dun total de 150 millóns de euros entre investimento público e privado.

Ademais, tal e como salientou o director do Igape, Javier Aguilera, co Innoempresa poden cubrirse as necesidades de innovación que descubre e atende o programa ReAcciona, a través do cal o Igape ofrece ás pemes servizos avanzados e diagnósticos de competitividade e internacionalización.

 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments