Pontevedra, 30 de maio de 2013.- A mellora continua mediante a incorporación de novas tecnoloxías é unha das claves para que as empresas poidan medrar e crear emprego, segundo manifestou hoxe o director xeral do Igape, Javier Aguilera, durante a súa visita a Nodosafer en Pontevedra, dedicada á fabricación e reparación de maquinaria especializada para diferentes sectores, especialmente o do granito.
Aguilera subliñou a aposta de Nodosafer por esta mellora tecnolóxica, posta de manifesto na recente renovación dunha parte das súas maquinarias. Esta substitución dos equipos, explicou, contou co apoio do Igape ao abeiro da liña para facilitar investimentos tecnolóxicos nas pemes, e ten permitido o incremento da súa competitividade e do volume de emprego. Non en van, a empresa aumentou nun 24% o número de traballadores no último ano, pasando de 33 empregados ata os 41 que suma na actualidade.
Esta mellora competitiva, comentou Aguilera, contribuíu tamén ao incremento das exportacións, que no último exercicio acadaron case o 40% da produción da empresa. Neste contexto, recordou que a internacionalización e outra das grandes apostas do seu departamento, destacando a recente apertura do re-Export, programa que respalda os custos das exportacións das empresas galegas cunha liña de avais que mobilizará 8 millóns de euros para facilitar operacións destinadas a iniciar ou consolidar as vendas en mercados exteriores.
O director do Igape lembrou que, para promover a mellora de competitividade das pemes, a Xunta de Galicia achega servizos avanzados a través do programa ReAcciona, e adiantou que en próximas datas o instituto publicará novas convocatorias de axuda para facilitar os investimentos tecnolóxicos e a incorporación de innovación aos procesos e aos produtos.
Aguilera destacou que un dos retos estratéxicos da Consellería de Economía e Industria é facilitar a mellora da competitividade das empresas galegas, como demostra o feito de que se aprobasen durante os últimos catro anos máis de 3.000 proxectos empresariais neste ámbito, mobilizando investimentos por máis de 150 millóns de euros.
Nodosafer destaca pola versatilidade dos seus procesos, que a dotan á compañía da axilidade necesaria para ofrecer ás empresas clientes un servizo inmediato para atender as súas necesidades de fabricación, reparación ou mantemento de maquinarias.