Tuesday, 23 April 2013 00:00

Un laboratorio lucense apoiado pola Xunta multiplica por dez os seus empregados en tres anos

O respaldo da Consellería de Economía e Industria á I+D e á internacionalización de AMSlabs permítelle crecer de 5 a 50 empregados de alta cualificación. O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións da empresa, situada no polígono de O Ceao.

Lugo, 23 de abril de 2013.- Unha empresa tecnolóxica lucense apoiada pola Xunta multiplicou por dez os seus empregados en tres anos. Applied Mass Spectrometry Laboratory S.L. (AMSlab), situada no polígono industrial do Ceao de Lugo, incrementou o seu cadro de persoal de 5 a 50 traballadores altamente cualificados. Nesa creación de emprego foi clave o apoio da Consellería de Economía e Industria, que, a través do Igape, respaldou a creación dun novo departamento dedicado a I+D dentro da compañía, e impulsou a internacionalización da empresa cara a mercados como Brasil, Portugal, ou Marrocos.

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou hoxe as instalacións de AMSlab en O Ceao, e subliñou que o caso de AMSlab mostra a conexión directa entre emprendemento, innovación e internacionalización, os tres eixos da política da Consellería de Economía e Industria, coa creación de emprego.

A empresa lucense participou nun dos máis recentes programas de apoio do Igape, C-Teams, deseñado para impulsar a competitividade nas compañías galegas de recente creación. En concreto, a iniciativa busca definir en primeiro lugar unha serie de proxectos de mellora dentro da empresa e, como segundo paso, elaborar unha proposta para crear un produto ou un servizo innovador. Para ilo, se lle proporciona ao emprendedor formación práctica e asesoramento de expertos.

A raíz da súa participación no programa C-Teams, o laboratorio lucense desenvolveu un diagnóstico interno, protocolizou os seus procesos de mellora, e incorporou o departamento produción encargado da I+D. Eses pasos avalados pola Xunta lle permitiron un crecemento exponencial, tanto en facturación como en emprego.

AMSlab foi promovida en 2008 por 8 socios, 7 doutores en Químicas e a sociedade de capital risco Unirisco SCR, para a realización de análises e ensaios técnicos. A empresa dispón dun laboratorio cos medios necesarios para desenvolver investigacións, experimentos e análises tanto de carácter científico como técnico. Proporciona servizos de análises químicas e de consultaría e asesoramento técnico.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments