Santiago, 4 de abril de 2012.- A Xunta de Galicia mobilizará 6,5 millóns de euros no desenvolvemento de diferentes proxectos que permitirán impulsar a innovación en 266 pemes galegas. Así, a través da última convocatoria do programa Innoempresa promovido polo Igape, a Consellería de Economía e Industria destina preto de 3 millóns de euros a unha iniciativa que pretende dar resposta ás necesidades do tecido empresarial galego, beneficiando ás pequenas e medianas empresas, que verán incrementada a súa competitividade a través da innovación.
Mediante a convocatoria do programa Innoempresa que vén de resolverse, o Igape facilita o acceso das pemes a proxectos innovadores cun investimento mínimo por proxecto de 7.500 euros, podendo alcanzanzar a axuda máxima o 50% do seu custo.
Este programa comprende tres liñas básicas de actuación: innovación organizativa e de xestión avanzada; innovación tecnolóxica e calidade; e proxectos de innovación en colaboración. Ditas liñas están baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión xa contrastados para impulsar a promoción da competitividade das pemes a través da innovación.
Na primeira destas liñas –a destinada á innovación organizativa e de xestión avanzada-, resultaron beneficiarias 226 empresas, máis do 90% das cales acadarán melloras competitivas mediante a incorporación de ferramentas de xestión avanzada. O resto, un total de 14, verán incrementada a súa competitividade a través do deseño de novos produtos.
Ao amparo da liña para promover a innovación tecnolóxica e de calidade aprobáronse proxectos que beneficiarán a 34 empresas: 18 delas acadarán certificacións de I+D+i e as outras 16 incorporarán medidas de desenvolvemento tecnolóxico.
Por último, as 6 empresas beneficiarias dos proxectos de colaboración realizarán actuacións conxuntas encamiñadas á mellora da súa cadea de valor e ao desenvolvemento de ferramentas de xestión común.
O programa Innoempresa constitúe un dos principais instrumentos impulsados pola Consellería de Economía e Industria para facilitar a mellora da competitividade das pemes galegas a través da innovación. Neste sentido, compleméntase cos programas Feder Innterconecta, que mobilizarán 210 millóns para o desenvolvemento de proxectos de innovación.