Thursday, 17 January 2013 00:00

Francisco Conde aposta pola cooperación como clave do éxito na conquista de novos mercados

O titular de Economía e Industria foi o encargado de presentar á conselleira delegada do Icex, Coriseo González-Izquierdo, nun coloquio organizado por APD. O conselleiro salienta que a Xunta está a impulsar a colaboración entre empresas e administracións para seguir avanzando de xeito eficiente na internacionalización do tecido empresarial galego.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2013.-  O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou este mediodía que é “imprescindible a cooperación entre as distintas administracións, no ámbito público-privado, e entre as propias empresas para avanzar con éxito no reto da internacionalización”, unha das claves para recuperar o camiño do crecemento económico.
 
Conde, que foi o encargado de presentar á conselleira delegada do Instituto de Comercio Exterior (ICEX), Coriseo González-Izquierdo, nun coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), remarcou que este é o modelo que está a impulsar a Xunta de Galicia para optimizar recursos e alcanzar novas metas potenciando a eficiencia na xestión.
 
“En Galicia temos un tecido empresarial forte, competitivo e innovador”, asegurou o conselleiro, quen remarcou que “nos agarda un intenso traballo por diante para recuperar a confianza na nosa economía, unha economía sólida e fiable que ademais é capaz de atraer investimentos, e o éxito está máis preto se sumamos esforzos”.
 
Neste sentido, Francisco Conde apuntou a intención da Xunta de continuar a potenciar a colaboración co Instituto de Comercio Exterior e con outras administracións. Salientou tamén que o Goberno galego segue a traballar desde a cooperación para seguir impulsando un crecemento sostido das exportacións e das empresas exportadoras e reforzar as implantacións comerciais de empresas galegas no exterior. “As empresas galegas demandan saír fóra e a administración está para ofrecerlles o apoio e o asesoramento que precisan”, asegurou o conselleiro de Economía e Industria.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments