Wednesday, 02 January 2013 00:00

Economía e Industria forma aos xerentes dos clusters comprometidos en avanzar cara a súa excelencia

O obxectivo é impulsar clusters xestionados de xeito eficiente e capaces de actuar como pancas de desenvolvemento da economía a través da innovación e da internacionalización. Nos cursos participaron 24 xerentes e técnicos dos clusters de automoción, alimentación, naval, xeotermia, TIC, audiovisual, téxtil, termal, acuicultura e loxística.

Santiago, 2 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria está a impulsar, a través do Igape, a formación de directivos e xerentes dos principais clusters galegos, comprometidos en mellorar a súa competitividade e avanzar cara a súa excelencia. Deste xeito foi posible promover melloras substanciais en aspectos fundamentais da política industrial da Xunta de Galicia, baseada na presenza de clusters fortes, xestionados de xeito eficiente e capaces de actuar como pancas de desenvolvemento da economía a través da innovación e da internacionalización.
 
Mediante un programa que abrangueu seis xornadas de traballo desenvolvidas nos últimos meses, os xerentes dos clusters galegos tiveron oportunidade de ampliar os seus coñecementos e habilidades en asuntos referidos á xestión operativa, á elaboración de plans de internacionalización, á comunicación empresarial ou a outros aspectos legais e tributarios específicos destas agrupacións empresariais.
 
A formación incluíu demostracións mediante casos prácticos e contou con relatores  entre os que houbo xerentes de clusters que destacan polas súas orientacións innovadoras centradas nos clientes e os mercados, máis alá dos sectores propios ou da tecnoloxía aplicable. O curso incluíu igualmente unha conexión en directo co clúster de automoción de Nuevo León en México, un exemplo de práctica innovadora no ámbito internacional.
 
Participaron nos cursos que veñen de rematar un total de 24 xerentes e técnicos de clusters como os de automoción (Ceaga), alimentación (Clusaga), naval (Aclunaga), xeotermia (Clutxega), TIC, audiovisual, téxtil, termal, acuicultura e loxística.
 
As xornadas formaron parte das accións comprometidas no marco dos grupos de traballo impulsados pola Consellería de Economía e Industria e nos que están comprometidos a maioría dos clusters galegos e o Igape desde comezos de 2012, na procura da excelencia destas agrupacións empresariais, de acordo coa estratexia impulsada pola UE para promover a consolidación de clusters con vocación global.
 
A formación ofrecida aos xerentes dos clusters galegos foi impartida polos especialistas que formaron a clusterse de toda España ao abeiro do programa para asociacións empresariais innovadoras (AEIs) impulsado polo Ministerio de Economía.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments