Santiago, 20 de xaneiro de 2011.- O plan re-Móvete comercial impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape conseguiu mobilizar en Galicia vendas por importe de 492 millóns de euros, ao destinar 22,5 millóns de euros a apoiar a compra de máis de 30.000 vehículos.
A excepcional mellora das condicións do plan re-Móvete comercial anunciada polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, a comezos do mes de decembro, conseguiu que se pechase o último mes do ano cun incremento do 29% nas cifras de matriculación de turismos en Galicia, en comparación co mes anterior.
Así, durante decembro de 2010 os concesionarios galegos deron saída a 4.362 turismos, segundo os datos facilitados polo sector, un 29% máis que no mes de novembro (3.381), grazas a incidencia positiva do plan re-Móvete 2010 G impulsado pola Consellería de Economía e Industria en colaboración co sector, co que se ven traballando de xeito coordinado para dinamizar o mercado.
As axudas á venda de coches articuladas a través do re-Móvete comercial e impulsadas pola Consellería de Economía e Industria activaron de xeito substancial a demanda nos concesionarios galegos, o que repercutiu directamente no mantemento dos postos de traballo no sector. Con estas medidas, a Xunta de Galicia procura axudar ao sector de distribución de automóbiles, composto nun 80% por pemes, e fortalecer a economía de Galicia protexendo e consolidando os case 40.000 postos de traballo do sector no seu conxunto, con especial incidencia na importante industria auxiliar.
O re-Móvete, perfectamente adaptado a estrutura da oferta e da demanda en Galicia, está integrado no Plan Integral re-Móvete que, dotado con 120 millóns de euros, actúa sobre o importante sector da automoción galego apoiando ás plantas ensambladoras, á industria de compoñentes e ao clúster do automóbil para favorecer a súa posición competitiva a nivel nacional e internacional.
Asemade, o Plan Integral re-Móvete 2010 fomenta tamén a innovación e a eficiencia enerxética no sector grazas ao re-Móvete Vehículos Eficientes, con axudas máximas de até 7.000 euros para potenciar a renovación e a modernización do parque automobilístico galego mediante a concesión de axudas para a compra de vehículos novos menos contaminantes ou transformacións, ademais de promoverse a diversificación enerxética para reducir así a dependencia do petróleo. O Inega propiciou un investimento asociado de 3,4 millóns de euros.