Santiago, 18 de febreiro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, inaugurou hoxe unha xornada sobre o Mercado Alternativo Bursátil na que apuntou que o MAB representa una alternativa "moi atractiva" para as empresas galegas en fase de crecemento. Segundo Guerra, para "reconstruír os cimentos dunha economía saneada, as empresas necesitan crecer e expandirse, o que implica analizar as posibilidades solventes de captación de recursos".
Neste sentido, o conselleiro destacou que o desenvolvemento do MAB pode contribuír moi positivamente á profesionalización da estrutura directiva das compañías, asociada a un incremento da produtividade tanto do traballo como do capital, tal e como específica o Informe sobre Potencialidade do Mercado Alternativo Bursátil en Galicia, presentado no transcurso da xornada.
Guerra sinalou que "o MAB resulta particularmente atractivo para o tecido empresarial galego", de xeito que o Igape ten habilitado un programa de axudas específico para facilitar a análise das empresas galegas que desexan estudar as súas posibilidades de acceso e este Mercado. Trátase dun programa pioneiro a nivel nacional, cunha dotación que se incrementa nun 50% durante o presente exercicio, tal e como anunciou o conselleiro.
O obxectivo destas axudas é facer posible ás empresas a posta en marcha de estudos de prevaloración que lles permitan decidir se están en condicións de abordar o inicio do proceso, e tamén a posterior realización de estudos en profundidade, orientados á preparación de acceso ao MAB, contando coa colocación dos títulos no mercado, a definición das operacións de saída e a valoración da documentación precisa de cara ao CNMV e ao MAB . Estas subvencións, a fondo perdido, cobren o 50% dos gastos de consultoría, até os 8.000 euros, no caso das prevaloraciones, e 50.000 euros, para a preparación de acceso definitiva .
Ademais, o conselleiro lembrou que o Goberno da Xunta de Galicia tamén favorece a participación das empresas, neste mercado, tamén a través de bonificacións fiscais, que permiten deducións do 20% das cotas investidas en accións vía MAB, na asignación autonómica do IRPF .
Para concluír, o conselleiro destacou que "un 5,5% das empresas galegas con potencial consideran recorrer ao MAB, a curto prazo, como alternativa financeira para as súas estratexias de expansión e un 10,5% estuda facelo, a longo prazo, o que sitúa a Galicia case tres puntos por encima da media española".