Santiago, 21 de febreiro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asegurou hoxe que o emprendemento empresarial é clave para "acelerar a recuperación económica" e valorou como "moi positivo" o incremento do 5,3% na taxa creación de empresas en Galicia durante o 2010 e con respecto ao mesmo período do ano anterior, alcanzando a cifra de 3.836 novas empresas. Aumento que duplica o alcanzado no conxunto do Estado, onde as novas sociedades mercantís subiron un 2,2%, segundo os últimos datos do INE.
Guerra fixo estas declaracións na presentación do Global Entrepreneurship Monitor para Galicia (GEM 2009), un informe que reflicte o punto de partida da lexislatura e que elaborouse tendo en conta os datos da enquisa á poboación adulta, até maio de 2009, e a opinión de 36 especialistas, que valoraron o primeiro semestre daquel ano.
O conselleiro de Economía e Industria agradeceu o labor do proxecto GEM e sinalou que o Goberno da Xunta de Galicia asumiu as súas responsabilidades en abril de 2009, "facendo unha análise realista e transparente" da "complicada herdanza" que lles foi transmitida, co obxectivo de "reconstruír a paisaxe dunha Galicia en crecemento".
O informe GEM 2009 sinala que o acceso ao financiamento é unha das principais preocupacións para a posta en marcha de novas iniciativas e tamén para os proxectos innovadores das empresas xa existentes. Neste sentido, Guerra lembrou que, "co obxectivo de axudar ás pequenas e medianas empresas neste camiño", desde a Consellería de Economía e Industria púxose en marcha un programa de apoio á iniciativa emprendedora que inclúe axudas a proxectos, así como liñas de apoio financeiro.
"Até agora, este programa permitiunos aprobar axudas por valor de 4 millóns de euros , para mobilizar investimentos próximos aos 30 millóns e habilitar dous fondos de capital risco, dotados en total con 3,3 millóns: o Xes-Innova, que atende, preferentemente, iniciativas vinculadas á innovación e novas tecnoloxías, nos eidos da biotecnoloxía, telecomunicacións, enerxías renovables e medio ambiente, e o Xes-Posibilita, que nace co obxectivo de apoiar os proxectos de empresarios con discapacidade; como unha oportunidade para ter as mesmas oportunidades", engadiu.
O estudo GEM tamén pon de manifesto que os emprendedores valoran moi positivamente a posibilidade de ter acceso a unha formación específica de calidade para emprender, unha tarefa na que Javier Guerra salientou o labor de BicGalicia, que celebrou, en 2010, un total de 143 seminarios de motivación ao emprendedor e de xeración de ideas, nos que participaron 3.859 alumnos.
O conselleiro apuntou que "agora BicGalicia ofrece servizos á medida das necesidades de cada emprendedor: desde as formulacións máis iniciais, até apoios especializados para elaborar e validar plans empresariais económico-financeiros", así como tamén participa na consolidación destes proxectos, cun labor de acompañamento que vén desenvolvendo a través do novo proxecto Medra ou do programa Mentoring.