Saturday, 26 February 2011 01:00

Economía e Industria achegou formación e asesoramento a 8.000 emprendedores e empresarios en 2010

Maite Cancelo, a directora da sociedade do Igape BIC Galicia, explicou polo miúdo os servizos gratuítos que facilita a entidade para apoiar o desenvolvemento de proxectos empresariais por novos emprendedores e para asistir aos novos empresarios nas fases de consolidación e crecemento das súas iniciativas. O secretario xeral do Igape, Javier Álvarez Barbeito, explicou os apoios financeiros que facilita o Igape neste ámbito e salientou o apoio a 532 proxectos impulsados por microempresas ou emprendedores durante 2010.

Santiago, 26 de febreiro de 2011.- A través da sociedade do Igape BIC Galicia, a consellería de Economía e Industria achegou formación, titoría e asesoramento a preto de 8.000 emprendedores, empresarios e axentes de desenvolvemento durante o pasado ano. De xeito paralelo, durante o pasado exercicio, o Igape apoiou, a través de programas como o re-Emprende, que segue vixente, e o re-imaXina, que se activará de novo en datas próximas, 532 proxectos promovidos por microempresas e emprendedores.

A directora de BIC Galicia, Maite Cancelo, compareceu en roda de prensa xunto co secretario xeral do Igape, Javier Álvarez Barbeito, para informar sobre as actuacións que están a desenvolver ambas entidades no ámbito do emprendemento e da consolidación de novas empresas. Ambos coincidiron en destacar que a Consellería de Economía e Industria facilita a emprendedores e novos empresarios servizos gratuítos de formación, asesoramento, titoría e apoios financeiros adecuados a cada unha das diferentes fases de desenvolvemento das ideas ou os diversos momentos de implantación e desenvolvemento dos proxectos empresariais.

Maite Cancelo destacou que BIC Galicia traballa conxuntamente co Igape "como axente de promoción da actividade empresarial, apostando polo fomento do espírito emprendedor, pola creación de novas empresas e pola consolidación e a mellora da competitividade das empresas de recente creación". Segundo indicou, o labor desta sociedade incide nos ámbitos de formación e asesoramento a emprendedores na busca do seu nicho de negocio, no apoio aos empresarios para que innoven e consoliden o seu crecemento, e na asistencia aos axentes de emprego e desenvolvemento local para que poidan achegar mellores apoios ao emprendemento sobre o territorio.

Segundo informou Maite Cancelo, a formación presencial para emprendedores chegou a máis de 4.000 persoas, ás que compre engadir as 658 que participaron nos seminarios formativos a través de Internet; esta formación achegouse mediante os seminarios de motivación emprendedora, talleres de xeración e maduración de ideas ou cursos e titorías para o desenvolvemento dos plans de empresa concretos. Polo que se refire aos servizos de asesoramento para novos empresarios con proxectos en marcha, a formación presencial e en liña chegou a outras 2.400 persoas máis.

Como proxectos máis específicos dirixidos e coordinados por BIC Galicia, Maite Cancelo destacou o Programa Bioemprende, para a detección e apoio a novos negocios no ámbito da biotecnoloxía; a Rede Mentoring, como plataforma na que empresarios con experiencia asisten de xeito altruísta a novos empresarios cos seus negocios en fases iniciais de desenvolvemento; o programa Sae ao Mercado, desenvolvido en colaboración coa Federación Galega de Xóvenes Empresarios (Fegaxe) e que busca a consolidación de novos negocios; o Programa Medra, para apoiar o desenvolvemento de empresas con non máis de catro anos en funcionamento; e os servizos achegados a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local II, para reforzar a formación dos axentes de desenvolvemento local e achegar, deste xeito, sobre o territorio, servizos máis eficientes aos emprendedores.

Negocios biotecnolóxicos
Segundo salientou a directora de BIC Galicia, o proxecto bioemprende mantén abertos varios campos de actuación para dinamizar a creación e o desenvolvemento de empresas biotecnolóxicas, así como as alianzas entre estas sociedades en Galicia e Norte de Portugal. Na actualidade máis de 20 proxectos empresariais están a ser titorizados e acompañados por especialistas a través do programa de formación e asesoramento para a creación de empresas bio denominado Biotraining.

Por outra banda, máis dunha ducia de empresas biotecnolóxicas están a ser beneficiarias dos servizos da Unidade de asesoramento e internacionalización de proxectos biotecnolóxicos. Ademais, máis de 160 emprendedores e empresarios teñen participado nos seminarios e obradoiros especializados en internacionalización e xestión de empresas biotecnolóxicas que se desenvolveron ao amparo do Proxecto Bioemprende, que tamén facilitou a detección de máis de 70 ideas biotecnolóxicas no marco das mesas sectoriais transfronteirizas desenvolvidas, centradas en actividades como a vitivinicultura, industria cárnica, industria láctea, produtos do mar, biomasa forestal e tratamento e xestión de residuos.

Apois do Igape
Pola súa parte, o secretario xeral do Igape, Javier Álvarez Barbeito, destacou que o Igape apoiou en 2010, a través dos programas re-Emprende e re-imaXina, un total de 532 proxectos de microempresas e emprendedores para impulsar uns investimentos de case 19 millóns de euros, cunhas subvencións que superaron os 2,3 millóns de euros. Destacou que o programa re-Emprende, con subvencións a fondo perdido para proxectos de emprendedores, está en vigor, e o que o re-imaXina, que achega financiamento avalado e subsidiado para apoiar investimentos de microempresas e emprendedores, será activado de novo en datas próximas.

Álvarez Barbeito lembrou igualmente a recente posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, e a través de XesGalicia, dos fondos Xes-Innova, preparado para apoiar con préstamos participativos investimentos de emprendedores con proxectos innovadores; e o Xes-Posibilita, para apoiar iniciativas de novos empresarios con discapacidade. Cada un destes fondos está dotado con 1,65 millóns de euros.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments