Sunday, 06 March 2011 01:00

Economía e Industria axuda aos emprendedores biotecnolóxicos a poñer en valor os seus proxectos

Mediante unha guía destinada a orientar e asesorar aos emprendedores que escollen este ámbito de actividade para que saiban resaltar o valor dos seus proxectos empresariais e para mellorar as súas opcións de atopar o financiamento que precisan para desenvolvelos. A Guía de valorización económico financeira de proxectos biotecnolóxicos foi elaborada no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal denominado Bioemprende, que está liderado pola sociedade do Igape BIC Galicia.

Santiago, 6 de marzo de 2011.- A Consellería de Economía e Industria vén de publicar, a través da sociedade do Igape BIC Galicia, unha Guía de valorización económico financeira de proxectos biotecnolóxicos que ten como obxectivos prioritarios os de orientar e asesorar aos emprendedores que escollen este ámbito de actividade para que saiban resaltar o valor dos seus proxectos empresariais e poidan, dese xeito, mellorar as súas opcións de atopar o financiamento que precisan para desenvolvelos.

Esta guía foi elaborada no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal denominado Bioemprende, liderado por BIC Galicia e orientado a promover a creación e a mellora competitiva de empresas biotecnolóxicas na eurorrexión. Participan neste programa a Fundación Universidade de Vigo, BIC Minho o Instituto Empresarial do Minho e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

A Guía de valorización económico financeira de proxectos biotecnolóxicos foi elaborada por expertos en avaliación de proxectos biotecnolóxicos e constitúe unha ferramenta imprescindible para coñecer o valor dun proxecto de investimento nas súas diferentes fases, desde o momento inicial, pasando pola I+D que incorpora no seu desenvolvemento, ata a súa saída ao mercado.

A elaboración da guía busca dar resposta á especificidade dos proxectos neste ámbito de actividade, con peculiaridades que dificultan a súa valoración por parte dos potenciais investidores, que adoitan retraerse. Coñecer os criterios de valoración desde tipo de proxectos de investimento é fundamental para poder captar financiamento, dado que permite presentar a viabilidade económica e financeira da iniciativa empresarial desde a óptica do investidor, sexa entidade financeira ou fondo de capital risco.

A Guía de valorización económico financeira de proxectos biotecnolóxicos mostra un estudo de valoración dunha empresa nacente (start-up) e outro referido a unha nova liña de negocio biotecnolóxico dentro dunha empresa xa constituída. A guía, dispoñible en www.bioemprende.eu , achega igualmente unha ferramenta de autodiagnóstico para facilitar a valoración económico financeira de calquera proxecto biotecnolóxico.

O proxecto bioemprende mantén abertos varios campos de actuación para dinamizar a creación e desenvolvemento de empresas biotecnolóxicas, así como as alianzas entre estas sociedades en Galicia e Norte de Portugal. Así, na actualidade máis de 20 proxectos empresariais están a ser titorizados e acompañados por especialistas a través do programa de formación e asesoramento para a creación de empresas bio denominado Biotraining, que se prevé conclúa no próximo mes de marzo.

Por outra banda, máis dunha ducia de empresas biotecnolóxicas están a ser beneficiarias dos servizos da Unidade de asesoramento e internacionalización de proxectos biotecnolóxicos. Entre estas empresas apoiadas polo proxecto Bioemprende están Galchimia, Proquiga, Advancell, Campo Capela, Bilega, GMA Aquaculture ou Abasa, entre outras.

Ademais, máis de 160 emprendedores e empresarios teñen participado nos seminarios e obradoiros especializados en internacionalización e xestión de empresas biotecnolóxicas que se desenvolveron ao amparo do Proxecto Bioemprende, que tamén facilitou a detección de máis de 70 ideas biotecnolóxicas no marco das mesas sectorias transfronteirizas desenvolvidas, centradas en actividades como a vitivinicultura, industria cárnica, industria láctea, produtos do mar, biomasa forestal e tratamento e xestión de residuos.

Por último, Bioemprende ofrece un Servizo de vixilancia tecnolóxica á carta que está a ser moi demandado polas empresas do sector, e unha colección de Informes de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva sobre os sectores de maior potencial de desenvolvemento na eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments