Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago, durante a presentación da terceira edición da Business Factory Food (BFFood), realizada en formato dixital, que esta aceleradora vertical segue a reforzar a competitividade e a presenza exterior da industria agroalimentaria galega, dando soporte a proxectos innovadores que ofrecen respostas aos retos actuais do sector.
Nesta edición da BFFood, primeira aceleradora galega da alimentación promovida pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), impulsaranse ata 16 iniciativas, dez na fase de aceleración e seis na fase de consolidación, mediante programas específicos de apoio de nove e doce meses de duración, respectivamente. O prazo de presentación de propostas para esta edición remata o 11 de xaneiro do 2021.
Como lembrou o director do Igape, os proxectos seleccionados disporán de apoio económico da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que facilitará a cada un financiamento de 25.000 euros a través dunha axuda de Gain, e o acceso a un préstamo participativo de ata 50.000 euros coa posibilidade de capitalización, a través de XesGalicia. A BFFood impulsou nas dúas edicións anteriores 20 proxectos das 121 candidaturas recibidas, tanto desde España como desde fóra do continente europeo.
A edición presentada hoxe conta co apoio de empresas tractoras do sector como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, CAPSA FOOD, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira.
Os proxectos seleccionados darán resposta aos retos que presenten estas compañías, relacionados coa dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización, ademais dun reto aberto que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora. Con motivo da situación xerada pola covid-19, a BFFood incorpora nesta edición un reto especial co que busca iniciativas dirixidas a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria fronte a contextos de emerxencia derivados de pandemias.
Desde a posta en marcha das business factories galegas, 92 proxectos innovadores pasaron polos seus programas de aceleración. O interese do ecosistema emprendedor polas aceleradoras verticais ponse de manifesto no número de solicitudes de participación na última edición da Business Factory Auto (BFAuto). A aceleradora do sector da automoción vén de pechar a convocatoria da quinta edición cun récord de iniciativas presentadas, todas relacionadas coa transformación dixital e a Industria 4.0: un total de 127 proxectos de 20 países, que se engaden aos que se están a presentar á terceira edición da Business Factory Aero (BFAero) que se pecha o próximo 22 de outubro.
A BBFood, xunto co resto de aceleradoras verticais coas que Galicia conta nos sectores da automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (BioIncubaTech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa), intégrase na plataforma StartIN Galicia, que impulsa o emprendemento en todo o territorio galego.