Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020.-O Igape Responde, o programa de asesoramento gratuíto a pemes, comercios e autónomos posto en marcha pola Xunta ao abeiro do Plan de reactivación económica, recibiu más de 150 solicitudes nos últimos dous meses. Ademais, de recibir unha atención directa dos expertos do programa, unha parte das peticións finalizaron coa implantación dunha das 14 medidas de acción inmediata que inclúe a iniciativa e que se enmarcan en cinco ámbitos: xeral, financeiro, de negocio, operacións ou persoas.
Así, destaca a atención personalizada no ámbito xeral da empresa como unha das máis demandadas polos usuarios do Igape Responde, xa que o 40% das consultas están relacionadas coa análise do impacto da covid-19 nos negocios. Con respecto ao eido das persoas, a meirande parte das consultas realizadas tiveron que ver con dúbidas sobre os ERTE. Tamén destacan as peticións de asesoramento sobre como reorientar a actividade económica ou como adaptar os establecementos ás esixencias da nova normalidade.
No que respecta á tipoloxía dos usuarios dos servizos deste programa, a maioría das consultas realizadas nestes dous últimos meses procederon de persoas autónomas ou pequenas empresas de ata cinco persoas traballadoras. Sobre a distribución por provincias, a meirande parte das solicitudes teñen orixen na Coruña e Pontevedra.
A atención a consultas rápidas e o asesoramento en liña que ofrece o Igape Responde compleméntase coa realización de encontros virtuais, cos que ademais de apoiar ao tecido empresarial, tamén se busca ofrecer formación a comercios, autónomos e empresas. Así, ata o momento, un total de 130 persoas asistiron aos primeiros webinarios realizados, que estiveron centrados no ámbito do financiamento, a xestión de stocks e a explicación xeral do funcionamento do Igape Responde.
Para este mes de outubro están programadas outras catro novas citas virtuais, que se iniciaron onte co encontro Que están a facer os negocios para afrontar a covid-19? Recompilación de casos. O programa da axenda pode consultarse a través da web responde.igape.es e as persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente.
Por outra parte, as empresas e autónomos que teñan, polo mínimo, tres persoas traballadoras poden solicitar os apoios do ReAcciona, unha das liñas de actuación incluídas no Igape Responde. A través desta iniciativa, o tecido empresarial ten á súa disposición unha oferta de ata 15 servizos, centrados na mellora da profesionalización, a innovación, a dixitalización e a estratexia.
Nestes momentos está en marcha a terceira das catro convocatorias desta liña previstas para 2020, que estará aberta ata o 5 de novembro. A última convocatoria activará o seu prazo de presentación de solicitudes desde o 9 de novembro ao 28 de decembro. O ReAcciona conta nesta edición cun orzamento de 4,2 millóns de euros e está cofinanciado polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
As tres liñas de acción do Igape Responde −consultas rápidas, asesoramento en liña e o novo ReAcciona− enmárcanse no Plan de reactivación económica que desenvolve o Goberno galego para acompañar ao tecido empresarial no novo contexto económico xerado pola covid-19. Para iso, máis de 60 expertos e consultores especializados apoian ao equipo técnico do Igape a través deste programa. O obxectivo é facilitar a pemes e autónomos a posta en marcha de medidas de acción inmediata. As empresas, comercios e autónomos interesados en recibir apoio deben realizar a súa solicitude a través da web responde.igape.es. Tamén está dispoñible o teléfono 900 815 151 e o enderezo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. .