Santiago, 7 de marzo de 2011.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, presentou hoxe en Santiago o Foro de Investimento Galicia, promovido pola Consellería de Economía e Industria para "localizar proxectos innovadores con gran potencial de crecemento e poñelos en contacto con investidores tanto públicos como privados".
Facilitar o contacto entre os investidores, principalmente entidades de capital risco e redes de Business Angels, cos promotores de proxectos emprendedores con altos compoñentes innovadores e gran potencial de crecemento, é o obxectivo fundamental do Foro Investimento Galicia, que se desenvolverá o próximo 13 de abril en Santiago, organizado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, que contan coa colaboración das redes galegas de Business Angels, Uniban, Bang, InnoBAN y RedInvest.
Joaquín Varela destacou que este Foro de Investimento pretende ser un instrumento máis para "procurar que os novos emprendedores, especialmente os que impulsan proxectos con elementos innovadores, teñan facilidades para acceder ao financiamento que precisen para desenvolver os seus proxectos e facelos medrar de xeito máis rápido".
Entre os apoios da Consellería de Economía e Industria neste ámbito do emprendemento, o director do Igape referiuse aos programas re-Emprende e re-imaXina, os fondos de capital risco Emprende e Xes-Innova, xestionados por XesGalicia, e o fondo de capital risco que se porá en marcha impulsado pola Dirección Xeral de I+D+i para investir en iniciativas de base tecnolóxica. "O obxectivo conxunto, incluíndo o do Foro de Investimento Galicia que agora presentamos, é conseguir que ningún proxecto emprendedor innovador e viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de apoio adecuados ás súas necesidades", indicou Joaquín Varela.
Os empresarios ou emprendedores que desexen participar no Foro de Investimento Galicia, ben para presentar o seu proxecto na procura de investidores, ben como asistentes, xa poden inscribirse a través da web http://www.foroinversiongalicia.com/, onde se pode acceder a toda a información sobre os obxectivos deste Foro e as distintas posibilidades que ofrece para investidores e emprendedores.
Poden participar proxectos de emprendedores que conteñan elementos innovadores e alto potencial de crecemento e que sexan susceptibles de recibir financiamento de Business Angels ou Capital Risco. O foro está tamén aberto, logo da correspondente inscrición a través da páxina do evento, aos emprendedores e empresarios que desexen asistir.
Con carácter previo o desenvolvemento do foro, ofrecerase aos promotores dos proxectos finalistas dúas xornadas de venture academy, que incluirán un taller de presentación de proxectos a investidores, e onde tamén se exporán casos de éxito de start-up galegas descritos polos seus propios emprendedores ou investidores. Os emprendedores que desexen participar poden enviar as candidaturas dos seus proxectos dende a citada Web.
No Foro de Investimento Galicia AT Venture, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o próximo 13 de abril, terá lugar a presentación dos 8 proxectos finalistas, ao tempo que haberá unha mesa redonda con participación de membros de redes de investidores en Galicia como Bang, Uniban, RedInvest ou InnoBAN. Tamén haberá unha conferencia de Alejandro Suárez Sánchez-Ocaña, empresario e Business Angel, sobre o que busca un investidor nun proxecto.
O Foro de Investimento Galicia desenvólvese no marco do programa europeo AT Venture que persegue a promoción e desenvolvemento de empresas innovadoras, así como a súa difusión e mellora do acceso aos instrumentos de financiamento destas start-ups, especialmente sociedades e redes de investimento privado.