Friday, 24 July 2020 09:32

A Xunta achega os primeiros 80M€ da liña de préstamos coa que autónomos e pemes contan con liquidez necesaria para facer fronte á covid-19

O 70% dos créditos xa formalizados ata agora, un total de 1432, corresponden a microempresas. Os establecementos comerciais e a restauración son os sectores con maior número de operacións avaladas, seguidos polos servizos, a industria e a construción. A metade das operacións son para firmas da provincia da Coruña, seguidas de compañías de Pontevedra co 30%. Facilita avais para cada negocio de ata 200.000 euros para atender as necesidades máis inmediatas e os beneficiarios teñen ata catro anos para amortizar estes préstamos, dos que a Xunta se fai cargo da totalidade dos xuros. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten previsto mobilizar ata 250M€ entre o tecido empresarial galego para paliar os efectos do coronavirus. Complementa á nova liña de microcréditos de entre 3000 e 20.000 euros, á que se destinan 6,1M€ para mobilizar 50M€ entre autónomos e microempresas, que terán ata cinco anos para a amortización. Dentro do Plan de reactivación económica da Administración autonómica, tamén se porán en marcha novos instrumentos financeiros dirixidos aos sectores vitivinícola, artístico e cultural e á economía social.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020.- A Xunta de Galicia xa facilitou preto de 80 millóns de euros a autónomos e pemes a través da achega lograda cos primeiros 1432 préstamos formalizados ao abeiro da liña de financiamento que ten activada e que se destina a inxectar liquidez aos colectivos empresariais máis vulnerables para que poidan facer fronte ás consecuencias provocadas pola situación de emerxencia sanitaria. As empresas e o colectivo autónomo galegos poden solicitar estes apoios para atender as necesidades máis inmediatas, como o pago de salarios, facturas, alugueiros ou impostos.

Como vén de coñecer o Consello da Xunta, dos créditos formalizados ata hoxe, sete de cada dez corresponden a microempresas, superando o seu volume total os 40 millóns de euros.

Por sectores, destacan o préstamos concedidos aos establecementos comerciais, que acadan o 25% do total. Séguenlles en número a restauración, cun 17%, e os servizos, que son o 15%. A continuación, cun 10% cada unha, sitúanse as operacións avaladas no eido da industria e a construción. En canto á distribución provincial, a metade das empresas beneficiarias exercen a súa actividade na Coruña, tres de cada 10 en Pontevedra e as restantes corresponden a compañías de Lugo e Ourense.

Esta liña vai permitir unha mobilización global de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego, avalando entre 3000 e 200.000 euros de importe por cada negocio con prazos de amortización de ata catro anos cun de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que son bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.

O programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria está instrumentado a través dun convenio de colaboración da Xunta de Galicia no que participan as sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal e Sogarpo.

Nova liña de microcréditos e préstamos directos
Tamén ao abeiro do Plan de reactivación económica, o Goberno galego vén de activar unha liña de microcréditos que facilitará préstamos de entre 3000 e 20.000 euros a cada negocio, con xuros bonificados ao 100% pola Xunta e cun prazo de duración máxima de cinco anos, cun ano de carencia como tope. A iniciativa, dotada con 6,1 millóns de euros de orzamento e coa previsión de mobilizar ata 50 millóns de euros entre microempresas (menos de 10 traballadores), desenvolverase igualmente en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs) e as entidades financeiras.

Ademais, a Xunta destinará 8 millóns de euros a achegar préstamos directos de entre 3000 euros e 200.000 euros ás pemes de sectores especialmente afectados pola actual situación económica: o sector cultural e artístico, con especial atención ás orquestras e a economía social. Apoiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), os créditos incluiranse no programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) e estarán libres de comisións. Ademais, non terán como condición a achega de garantías, estarán libres de xuros ou contemplarán porcentaxes moi baixas e non será necesaria a intervención das entidades financeiras. Achegarán ata o 75% tanto das necesidades de liquidez como dos investimentos de cada empresa beneficiaria, que disporá dun ano para a devolución. A previsión é mobilizar ata 10 millóns de euros.

Para o sector vitivinícola en concreto habilitarase, en coordinación coa Consellería do Medio Rural, un préstamo vendima co que se prevé mobilizar 60 millóns de euros para permitir a todas as bodegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da vendima deste ano en condicións normais de mercado. Deste xeito, garántese o futuro das bodegas e dos viticultores galegos que apenas teñen recibido fondos por parte do Goberno central.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments