Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou esta mañá o papel destacado que desempeña a formación dos directivos empresariais na mellora da competitividade e na adecuación do tecido produtivo ao modelo de industria 4.0, contribuíndo así a ofrecer unha resposta axeitada fronte ao actual contexto económico que permita reforzar o propio tecido.
Cividanes ofreceu esta valoración durante o encontro que mantivo esta mañá cun universitario lugués estudante de Administración e Dirección de Empresas e Relacións Internacionais no ICADE, co que compartiu parte da súa xornada de traballo. Este encontro enmarcouse dentro do programa Directivos por un día, que impulsan a Asociación Española de Directivos e a Fundación Junior Achievement, co apoio de Deloitte, co obxectivo de achegar aos mozos e mozas universitarias ao mundo laboral e que coñezan de primeira man cal é o labor que desenvolven nas empresas os equipos de dirección.
Durante a xornada, o director puxo de manifesto tamén o compromiso da Xunta no apoio ás empresas no actual contexto e explicou cales son as medidas incluídas no Plan de reactivación económica, no que se reforza a aposta pola dixitalización e á innovación tecnolóxica cunha achega de 16 millóns de euros para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a súa adaptación á actual situación derivada da covid-19 .
Ademais, fixo fincapé nos programas de formación e capacitación que desenvolve o Igape dirixidos aos cadros de dirección e de xestión empresarial, como o Profesionais 4.0, destinado a promover a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos, que promove a especialización profesional e a retención de talento dos mozos e mozas de Galicia; ou o Capacita Directivos, impulsado en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, que achega aos xestores das compañías as novas tendencias e solucións no ámbito da Industria 4.0.
A iniciativa Directivos por un día acada a súa terceira edición, coa participación en Galicia de 115 estudantes e executivos de pemes e grandes compañías. No conxunto de España, son medio milleiro de alumnos de último curso de 18 universidades públicas e privadas, e directivos dun total de 264 empresas de todos los sectores produtivos os que comparten experiencias e coñecementos.