Tuesday, 21 July 2020 13:35

A Xunta comparte coa Junta de Andalucía as boas prácticas relacionadas coas business factories galegas

O director do Igape, Juan Cividanes, participou nun encontro dixital coa directora xeral de Andalucía Emprende, Rosa Siles, no que informou sobre a experiencia e os resultados das tres aceleradoras sectoriais galegas. Cividanes destaca que a BFAuto, a BFFood e a BFAero xa teñen permitido a creación de 49 empresas e a xeración de 324 empregos. O Goberno galego ten en marcha a plataforma StartIN Galicia, a rede de aceleración que impulsa de xeito integral o emprendemento en todo o territorio, a través da que se apoiaron máis de 1000 proxectos nos últimos cinco anos.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2020.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou nun encontro dixital coa directora xeral de Andalucía Emprende, Rosa Siles, no que informou sobre a experiencia e os resultados das tres aceleradoras verticais galegas -a BFAuto no eido do automóbil; a BFFood no sector da alimentación; e a BFAero, do eido aeroespacial-, impulsadas pola Xunta en colaboración con outras entidades públicas e importantes empresas tractoras, para seguir incrementando o emprendemento industrial en sectores estratéxicos a partir da Industria 4.0 e a innovación.

O encontro tivo como obxectivo dar a coñecer á delegación da Junta de Andalucía as boas prácticas relacionadas coas business factories galegas para que, como puxo de releve o director do Igape, os modelos de éxito de aceleración e consolidación de novos proxectos emprendedores, de carácter innovador e con potencial de internacionalización, avancen noutras Comunidades e impulsen a incorporación da Industria 4.0 polos tecidos produtivos dos diferentes territorios. Salientou ademais a relevancia da colaboración público-privada no desenvolvemento dos ecosistemas emprendedores.

No que respecta ao balance das tres aceleradoras sectoriais galegas impulsadas pola Xunta, Cividanes destacou os bos resultados acadados ata hoxe, coa creación de 49 empresas e de 324 empregos. Incidiu en que as catro convocatorias da BFAuto realizadas levan permitido o impulso de 64 proxectos, a creación de 44 empresas, a xeración de 250 empregos e unha facturación de 33 millóns de euros. Esta aceleradora destaca ademais polo seu carácter internacional, xa que o 15% das novas compañías creadas, xa exporta os seus produtos ou servizos.

Desde a súa posta en marcha en 2016, a BFAuto foi recoñecida a nivel nacional e internacional como unha iniciativa singular de aceleración para apoiar o emprendemento industrial e innovador. Así, foi designado o proxecto mellor difundido pola Federación de Agrupacións Empresariais de Clústers; a mellor práctica desenvolvida nun parque tecnolóxico pola Asociación de Parques Empresariais e Tecnolóxicos de España; Regional Partner nos StartUp Europe Awards; e tamén logrou o recoñecemento da Eurada pola súa contribución ao crecemento e mellora da competitividade.

Pola súa banda, a aceleradora galega do sector da alimentación, a BFFood, que se atopa na súa segunda edición, ten impulsado 20 proxectos, dos que cinco xa se constituíron en empresas, e a mobilización asociada supera os 135.000 euros. Mentres, a BFAero, que tamén se atopa na súa terceira edición, leva acelerados 94 iniciativas, cunha previsión de creación de 62 postos de traballo e investimentos directos que superan os 3,6 millóns de euros.

Como lembrou Cividanes, as tres business factories forman parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa todas as aceleradoras da Administración galega para impulsar o emprendemento en toda a Comunidade, a través da que se apoiaron máis de 1000 proxectos nos últimos cinco anos e na que, ademais das mencionadas, resaltan os espazos coworking e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Pola sua parte, a directora xeral de Andalucía Emprende, inscrita á Consejería de Economía e Coñecemento da Junta de Andalucía, destacou que a rede pública andaluza de emprendemento dispón de máis de 200 centros por todo o territorio, tanto nas áreas urbanas como rurais, e inclúe espazos coworking, aceleradoras de startups e servizos de asesoramento personalizado e titorización para as iniciativas de creación de novas empresas.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments