Friday, 10 July 2020 11:10

Máis de 5000 autónomos e pemes solicitan os servizos de información e apoio do Igape Responde no seu primeiro mes en funcionamento

Esta xanela única foi posta en marcha pola Xunta cun orzamento este ano de 3,6M€ para acompañar e asesorar ao tecido empresarial neste novo contexto económico. Profesionais e empresas poden acceder, a través desta iniciativa, a toda a información sobre as liñas de axudas destinadas á reactivación económica e á tramitación das súas solicitudes. Enmarcado no Plan de reactivación económica, trátase de dar resposta ás necesidades de pemes e autónomos sobre a adaptación da súa produción, os servizos que ofrecen, o modelo de negocio ou os equipos de traballo. 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020.- Máis de 5000 autónomos e pequenas empresas solicitaron os servizos de información e apoio do programa Igape Responde no seu primeiro mes de funcionamento, unha nova ferramenta que reforza e reorganiza a asistencia e o asesoramento ao tecido produtivo galego ante a situación económica provocada pola covid-19. Como vén de coñecer hoxe o Consello da Xunta, esta xanela única de consulta atendeu consultas sobre cales son as liñas de axudas máis axeitadas ás necesidades do colectivo empresarial e como son os procedementos de solicitude dos apoios postos en marcha polo Goberno galego.

Mediante unha dotación orzamentaria de 3,65 millóns de euros para este ano, ademais de reforzar a atención directa por medios telefónicos e telemáticos, o Igape Responde ofrece tamén asesoramento individualizado sobre como adaptar cada negocio ás novas necesidades xurdidas no novo escenario económico. A través de novas accións de consultoría e información, dáse resposta ás necesidades de pemes e autónomos sobre a adaptación da súa produción, os servizos que ofrecen, o modelo de negocio ou os equipos de traballo, contribuíndo así a facilitar a reactivación da actividade económica.

Para acadar este obxectivo, esta iniciativa conta con tres tipos de servizos: atención directa, acompañamento en liña e un servizo de apoio e asistencia a través do programa ReAcciona, que nesta edición 2020-2021 está deseñado para responder á nova situación que vive o tecido empresarial galego. 

O Igape Responde achegará, así, orientación e apoio individualizado a autónomos e pemes sobre as medidas de implantación rápida que deben adoptar a nivel xeral, na reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, así como no que se refire a proxectos de dixitalización e innovación axeitados para garantir, manter e impulsar a súa actividade.

En concreto, ofrecerá soporte personalizado en aspectos como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos e promoción en liña, replanificación das débedas, busca de financiamento e reconfiguración da oferta comercial, entre outros. Neste sentido, a nova ferramenta, ademais de servizos de asesoramento e mentorización, porá a disposición do tecido produtivo galego unha base de coñecemento con información de interese empresarial actualizada e precisa, encontros explicativos en liña, guías de repostas a preguntas frecuentes, así como a edición de boletíns informativos periódicos. Neste primeiro mes de funcionamento, realizáronse seis webinarios, aos que asistiron 346 persoas, así como outras accións de información sobre os servizos que ofrece.

A previsión da Xunta de Galicia para este ano é que a través do Igape Responde se ofrezan 600 servizos personalizados do ReAcciona que se axusten especificamente ás respostas que precisa o tecido empresarial galego ante o novo contexto económico.

O Igape Responde enmárcase no Plan de reactivación económica que ten impulsado a Xunta para acompañar ao tecido empresarial galego no novo contexto xerado tras a covid-19. 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments