Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020.- A Xunta concedeu ao abeiro da última edición do Galicia Emprende, da que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da segunda convocatoria, axudas por case 3,78 millóns de euros para apoiar 106 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de 14 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 302 empregos.
As iniciativas apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, abranguen actividades do sector industrial da automoción; do sector agroalimentario, como a elaboración de viños, pan e bolería; e dos servizos, como centros para maiores e escolas infantís, clínicas dentais, de fisioterapia e podoloxía ou restaurantes especializados. O investimento medio por proxecto é de 130.000 euros, correspondéndose sobre o 40% das iniciativas ás impulsadas por autónomos e as restantes por sociedades mercantís.
Entre os proxectos novidosos aprobados na última convocatoria destaca un de reciclado e desmontaxe das superficies deportivas de herba artificial, que prevé crear 6 postos de traballo. Outras iniciativas de dimensión importante, que investirán máis de 350.000 euros cada unha e mediante as que se crearán máis de 10 novos postos en todo o territorio, apostan pola apertura e acondicionamento de establecementos hostaleiros, de lecer e turísticos, así como a creación dun centro de servizos funerarios que contempla un parque cemiterio ecolóxico.