Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2020.- Autónomos, pemes e entidades de economía social poden solicitar xa as axudas das dúas liñas de apoios pertencentes aos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, dotados en total con 16 millóns de euros. A iniciativa, na que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade, ten por obxectivo impulsar a reactivación dos sectores dos servizos, o comercio, o turismo e o transporte apoiando a instalación de medidas de protección que garantan a seguridade de traballadores e clientes. O prazo de presentación de solicitudes, en concorrencia non competitiva, permanecerá aberto ata o 31 de xullo ou ata o esgotamento do crédito.
As liñas achegarán apoios inmediatos a establecementos galegos para facilitar a súa volta á actividade ofrecendo a máxima confianza aos consumidores no novo contexto económico, ao tempo que, no marco do programa Galicia destino seguro, favorecen a adaptación á nova situación, promocionando a Comunidade como un destino fiable e de calidade.
Mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados, poden obterse apoios para iniciativas novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. Destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.
Por unha banda, establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros. Neste caso, os gastos subvencionables tamén inclúen a formación específica das persoas para aplicar protocolos e prácticas de seguridade adaptados ás normativas e recomendacións sanitarias e os custos relacionados coa obtención de certificacións de garantía de seguridade fronte á covid-19.
No caso do sector do transporte, poderán beneficiarse destas axudas os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros (agás o sector do taxi para o que se teñen habilitado axudas específicas), o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre. Empresas e autónomos deste sector poderanas solicitar para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene.
Para facilitar a xestión, os solicitantes das axudas de calquera das dúas liñas terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial, dispoñible no correo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. e no teléfono gratuíto 900 815 151.
Plataforma gratuíta de autodiagnóstico online
Os programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros súmanse á nova plataforma gratuíta de autodiagnóstico online activada pola Xunta, coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer.
Dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.gal, esta ferramenta achega as claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade, con diferentes recomendacións sanitarias e de prevención. Coa presentación das solicitudes para acollerese ás axudas do programa, os solicitantes dos sectores do comercio, os servizos, o transporte e as actividades profesionais deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.