Friday, 26 June 2020 09:51

A Xunta impulsa con 15,6M€ a creación dos primeiros cinco centros de fabricación avanzada que permitirán ás pemes modernizar a súa produción

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a creación de espazos de uso aberto e compartido na Cidade das TIC da Coruña, o Polo loxístico liderado por Ceaga na Plisan, o centro biotecnolóxico no parque empresarial da Sionlla e nos municipios de Narón e Vilagarcía. Impulsados polo clúster da automoción e o das tecnoloxías da información e a comunicación, ademais da Área Empresarial do Tambre e o Grupo Intaf, contribuirán a desenvolver a base industrial e fomentar a competitividade. Tres destas infraestruturas integraranse nos Hubs de innovación dixital galegos, que agrupan máis de 4.200 empresas e entidades. O Goberno galego, dentro do Plan de reactivación económica, vén de activar outra liña complementaria destinada á promoción deste tipo de centros industriais impulsados por grandes empresas tractoras.  

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020.- A Xunta apoia con 15,6 millóns de euros a creación dos primeiros cinco centros de fabricación avanzada, infraestruturas industriais de uso aberto e compartido para o tecido produtivo que contribuirán a desenvolver a base industrial a nivel local e a mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas.

Tal e como se informou no Consello da Xunta, a posta en marcha das cinco novas infraestruturas vai supor un volume total de investimentos de 17,4 millóns de euros e estarán situadas na Cidade das TIC na Coruña, na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), no parque empresarial da Sionlla -no municipio de Santiago de Compostela-, e nos municipios de Narón e Vilagarcía de Arousa. 

Cidade das TIC

O Clúster TIC Galicia é o promotor da primeira das infraestruturas, que se construirá na futura Cidade das TIC coruñesa. O Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC ofrecerá ás empresas galegas un único punto de contacto no que demostrar, facer prototipos e lanzar proxectos do sector. 

Busca ademais servir de enlace entre clientes e provedores de solucións das tecnoloxías da información e a comunicación para a transformación dixital da industria, facilitando o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos. Contará con catro laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector. O Concello e a Universidade da Coruña colaborarán cedendo o uso dunha nave e habilitando os accesos. A Xunta achega 4,82 millóns de euros ao proxecto.

Polo loxístico

A segunda iniciativa está promovida pola Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e porase en marcha no municipio de Salvaterra de Miño, na Plisan. Trátase do Centro Loxístico de Automoción, unha infraestrutura intermodal loxística compartida que proporcionará servizos de infraestrutura e xestión compartida de transporte e crear un centro de innovación loxística, aberto para a realización de actividades de formación, demostración e experimentación sobre operacións reais, co obxectivo último de optimizar a loxística do sector galego da automoción pero tamén doutros sectores, como o alimentario e o naval. Zona Franca de Vigo achegará o terreo e a construción da nave, mentres que o Goberno galego facilitará máis de 4,3 millóns de euros. 

Centro biotecnolóxico

Sionlla Biotech, o terceiro dos centros, situarase no parque empresarial do mesmo nome, en Santiago de Compostela. Promovido pola Asociación Área Empresarial do Tambre, proverá a empresas biotecnolóxicas e institucións de servizos como o uso de 22 laboratorios modulares para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A achega da Xunta para a creación desta infraestrutura supera os 4 millóns de euros, mentres que o Concello de Santiago de Compostela cede o terreo para a construción.

Industria do aceiro e turismo

O Grupo Intaf é o promotor do Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, que se porá en marcha no municipio de Narón e que prestará servizos para o procesamento deste material grazas a tecnoloxías que neste momento non están dispoñibles nin en Galicia nin en España, permitindo tratar pezas de dimensións superiores ás que se poden manexar nas instalacións operativas na actualidade. Esta infraestrutura facilitará que se realicen na nosa Comunidade máis traballos de elaboración do aceiro, como na reparación de buques. A Xunta achegará 2 millóns de euros á creación deste espazo industrial.

Tamén promovido polo Clúster TIC Galicia, o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC porase en marcha en Vilagarcía de Arousa. Co fin de ser un espazo para o desenvolvemento de innovación e tecnoloxía de rápida transferencia ao tecido produtivo turístico, integrará un laboratorio de intelixencia artificial, un de dispositivos intelixentes, un media lab, unha área de demostracións e unha área de formación. A achega da Xunta acada os 370.000 euros.

Integrados nos Hubs de innovación dixital

Os cinco centros deberán estar á disposición das pemes dunha forma aberta e transparente e o importe cobrado polo seu uso, que se establecerá mediante un sistema de tarifas adecuadas aos servizos que se utilicen, será o correspondente ao prezo de mercado. Nese sentido, e para garantir que a xeración destes espazos contribúa a impulsar a modernización da base industrial e o desenvolvemento dos ecosistemas produtivos a nivel local, deberán prestar servizos que non estean dispoñibles nese ámbito territorial no momento da solicitude ou aqueles cuxa oferta non se axuste ás necesidades das empresas.

Tres das infraestruturas que se van crear -o Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC (CSA-TIC), o Centro Loxístico de Automoción e o Sionlla Biotech- integraranse nos dous Hubs de innovación dixital que o Goberno galego impulsa mediante a colaboración público-privada para achegar ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan. Os dous primeiros farano no Hub liderado por Ceaga e o terceiro no liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

Estes dous Hubs suman as capacidades de máis de 4200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas e funcionarán como unha xanela única que ofrecerán unha carteira de servizos para avanzar nas tecnoloxías da fábrica intelixente e o big data. 

Liña de apoio á creación de infraestruturas abertas por grandes empresas

A liña de axudas mediante a que se apoian estes cinco proxectos vén de ser reforzada recentemente coa activación dun novo programa, dotado con 6 millóns de euros, e destinado a que grandes empresas galegas impulsen a creación de do mesmo tipo de centros de fabricación avanzada. 

Enmarcado no Plan de reactivación económica, ponse en marcha para ampliar as posibilidades de creación de infraestruturas industriais por parte de grandes empresas galegas, que teñen capacidade tractora e financeira para promover o uso de centros de fabricación de xeito aberto e compartido entre as pequenas e medianas empresas que exercen a súa actividade na contorna onde se implanten. Os dous programas achegarán axudas por valor de 21,6 millóns de euros e promoverán investimentos de preto de 30 millóns de euros.

No caso da liña dirixida a grandes empresas, os apoios previstos poderán acadar ata o 60% do investimento en cada novo espazo que se poña a funcionar. As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, poderán acadar os 2,5 millóns de euros por cada un deles, e facilitaranse anticipos unha vez concedidas. Cubrirán, entre outros, investimentos en activos fixos pola realización de obras e reformas así como a adquisición de edificacións e bens de equipamento como maquinaria. Tamén nesta liña, prímase que as infraestruturas creadas se integren nos dous Hubs de innovación dixital que o Goberno galego impulsa mediante a colaboración público-privada para achegar ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan. 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments