Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020.- O Consello da Xunta vén de declarar iniciativas empresariais prioritarias o proxecto das empresas Hijos de Carlos Albo, para a construción dunha nova planta produtiva na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), e Aluminios Cortizo, para a creación dun campus tecnolóxico en Lamas, no municipio de Padrón. Así, a declaración aprobada hoxe permite dar carácter prioritario aos trámites que son competencia da Xunta para a implantación e posta en marcha das iniciativas, reducindo os prazos administrativos á metade (excepto os relativos á presentación de solicitudes e recursos), axilizando así a implantación e posta en marcha de ambas as dúas iniciativas –que contemplan a creación de como mínimo 350 postos de traballo directos e investimentos por valor de 60 millóns de euros–, ao tempo que se manteñen todos os requisitos técnicos e normativos.
Os novos proxectos das dúas empresas galegas teñen como obxectivos mellorar a competitividade dos seus procesos produtivos, a través do avance na Industria 4.0, e contribuír á diversificación empresarial de Galicia, asentando sobre o territorio infraestruturas e dotacións necesarias para o desenvolvemento industrial. Ademais, a partir do seu deseño como iniciativas tractoras que complementan cadeas de valor, prevén dinamizar sectores económicos estratéxicos para a Comunidade, como son a pesca e a alimentación e a fabricación e distribución de elementos de aluminio e PVC.
Trátase das dúas primeiras iniciativas empresariais prioritarias de Galicia, unha figura contemplada na Lei de implantación empresarial, que busca potenciar a captación de investimentos e a creación de emprego de calidade con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.
A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, e implica o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da oficina Doing Business, creada pola Xunta para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.
Nova fábrica de Albo na Plisan
A construción da nova planta de Albo, que se destinará á elaboración de conservas de produtos do mar e pratos preparados, ten previsto un investimento que supera os 29 millóns de euros. Coa nova fábrica, que estará situada na Plisan, a conserveira quere ampliar a súa capacidade produtiva desenvolvendo as últimas tecnoloxías dixitais, mantendo así o seu valor engadido e produción en territorio galego.
Coa mirada posta en seguir avanzando na expansión nacional e internacional, o novo centro de produción desta empresa centenaria ten previsto crear polo menos 25 postos de traballo directos, contratando –na medida en que se axusten ao perfil e cualificación requiridos– persoal da zona e maioritariamente feminino.
Suporá tamén a incorporación en Galicia do proceso de produción de pratos preparados enlatados e dará prioridade ás compras a provedores galegos, principalmente locais. Busca, ademais, a transformación da fabricación cara o uso de enerxías renovables e o respecto ambiental e achegar maior valor engadido as sectores económicos tradicionais con alto potencial de crecemento.
Campus Tecnolóxico Cortizo
A partir dunha iniciativa innovadora no sector da fabricación e distribución de produtos de aluminio e un investimento previsto de 31 millóns de euros, Aluminios Cortizo creará un complexo dedicado á investigación e a formación en Lamas, no concello de Padrón, co obxectivo de abordar e impulsar novos proxectos de carácter internacional e ampliar as actuais instalacións da empresa.
O novo campus tecnolóxico busca ser un centro punteiro en innovación, que complemente a cadea de valor de moitas empresas de sectores económicos estratéxicos en Galicia, e a súa posta en marcha suporá a creación de 320 postos de traballo directos.