Santiago, 12 de abril de 2011.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela, encabezou a delegación da Xunta de Galicia desprazada a Inglaterra, en compañía do xerente do Inorde, para coñecer as instalacións en Devon de Xero Technology, o grupo que impulsa o proxecto industrial para fabricar en Ourense o coche eléctrico Xero, e as doutras compañías de deseño, enxeñería e homologación de vehículos relacionadas con este mesmo proxecto.
ImageDurante estes dous días a delegación galega, sempre acompañada polos directivos de Xero Oliver Mitchel, David Pollard e Julio Mayorga, tivo a oportunidade de coñecer a fondo distintos aspectos relacionados co deseño, a produción, a homologación e a distribución dos vehículos eléctricos que Xero prevé fabricar en Ourense, mediante uns investimentos cifrados en 26 millóns de euros para crear, en 2015, máis dun milleiro de novos postos de traballo.
Segundo anunciou a finais do pasado mes de marzo en Ourense o conselleiro de Economía e Industria Javier Guerra, a Xunta mantén un "firme compromiso de apoiar o proxecto de investimento promovido pola compañía británica Xero Technology" para impulsar a fabricación en Ourense dun coche eléctrico denominado Xero. Segundo manifestou daquela o conselleiro, as axudas públicas poderán achegarse aos 11 millóns de euros, "grazas aos apoios de especial intensidade habilitados no marco do plan Impulsa Ourense".
A Xunta de Galicia xa elevou aos promotores do proxecto o compromiso firme de apoio público ao importante investimento, que se fará efectivo a través de liñas de subvención a fondo perdido como as reguladas nas bases do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para apoiar os grandes investimentos empresariais, ou mediante a liña de Incentivos Rexionais, que é compatible.
Segundo salientou Javier Guerra, con este compromiso "Galicia posiciónase en primeira liña para aplicar un cambio de modelo industrial –explicou-, e a Consellería de Economía e Industria traballa para desenvolver un cambio de paradigma que reduza drasticamente as emisións contaminantes, elimine a dependencia dos derivados de petróleo cunha aposta firme polas renovables e contribúa de xeito decidido a unha maior eficiencia enerxética da man dun impulso definitivo para o sector da automoción galego".
A través da Consellería de Economía e Industria, a Xunta de Galicia aposta por impulsar accións dirixidas a converter a Galicia nunha rexión líder en mobilidade sostible para alcanzar unha capacidade de desenvolvemento tecnolóxico e industria en vehículos eléctricos que permita manter e incrementar a actividade e a competitividade da industria da automoción galega, cunha aposta decidida por unha política enerxética eficiente.
Galicia xa ten definida unha rede primaria de infraestruturas de carga para o vehículo eléctrico, unha rede que contará con medio milleiro de puntos de abastecemento espallados por toda a xeografía. Esta rede partirá da posta en marcha, nun primeiro momento, de 7 estacións multifuncionais de electromobilidade demostrativas nas sete cidades galegas en colaboración co Clúster da Automoción.