Mondoñedo (Lugo), 19 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe a nova edición do coworking da Mariña, situado en Mondoñedo, no que participan os promotores de 19 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.
As actividades dos 22 emprendedores -14 mulleres e 8 homes- que participan na aceleradora mindoniense centraranse nas novas tecnoloxías, o benestar ou a alimentación. Así, desenvolveranse iniciativas en torno ao márketing, o deseño gráfico e de mobles, a impresión, o turismo rural, unha plataforma de reservas, o agroalimentario (especias, fabas e conservas vexetais) e o comercio (lavanderías e comercio local).
Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. Así, a do Ribeiro, situada no municipio ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.
As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol), e O Salnés (Vilanova de Arousa), e a Costa da Morte (Cabana de Bergantiños), ademais da de Mondoñedo.
A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.
Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.