Thursday, 20 February 2020 10:24

Comeza en Cabana de Bergantiños a quinta edición do coworking da Costa da Morte con 19 proxectos empresariais vinculados ás novas tecnoloxías, a agroalimentación e a saúde

Un total de 26 emprendedores desenvolverán, entre outras, iniciativas innovadoras de dixitalización da cadea de subministración, tapizados con materiais de última xeración ou servizos para o envellecemento activo. Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento do resto dos dez espazos apoiados pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 18 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe a quinta edición do coworking da Costa da Morte, en Cabana de Bergantiños, no que participan os promotores de 19 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.

As actividades dos 26 emprendedores -15 mulleres e 11 homes- que participan na aceleradora bergantiñá centraranse nas novas tecnoloxías aplicadas á produción industrial e agroalimentaria, do sector da saúde e do benestar, os servizos e o turismo activo e a posta en valor da cultura e a gastronomía do territorio. Así, entre as iniciativas, inclúense proxectos innovadores de dixitalización da cadea de subministración, os tapizados con materiais de última xeración, a transformación de produtos do mar, o traballo en colaboración, unha chef a domicilio ou os servizos para o envellecemento activo.

Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. Así, a do Ribeiro, situada no municipio ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol), e O Salnés (Vilanova de Arousa), ademais da Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments