Vigo, 17 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, iniciou hoxe en Vigo un ciclo de xornadas informativas sobre internacionalización. O obxectivo destes encontros, nos que colaboran asociacións empresariais, clústeres e Cámaras de Comercio, é achegar asesoramento e información ás pemes galegas sobre as oportunidades de expansión nos mercados internacionais, especialmente no eido dixital.
O programa inclúe 14 xornadas en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, onde se celebrarán cinco encontros máis durante este mes. O obxectivo é contribuír ao esforzo que as empresas galegas veñen realizado para incrementar a súa presenza internacional, abrir novos espazos para as vendas e diversificar a oferta de produtos e servizos.
As empresas participantes poderán coñecer os programas de apoio que a Xunta ten habilitados con ese fin e nos que destaca o Galicia Exporta Dixital -cuxo prazo está aberto ata o vindeiro 24 de marzo-, nova liña activada para dar resposta á demanda crecente das compañías galegas para acometer procesos de internacionalización dixital. Apoiará o deseño de plans nese eido, a adquisición de software, a creación e adaptación de tendas e catálogos en liña, ademais de campañas de posicionamento en Internet ou outros servizos de soporte das vendas dixitais. Nos caso das pemes, as axudas poden acadar os 100.000 euros, o 80% do investimento subvencionable.
As xornadas que hoxe comezan tamén achegarán información sobre os apoios activados a través do Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, dos que os prazos de presentación de solicitudes rematan o 30 de marzo.