Vilanova de Arousa (Pontevedra), 17 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe a cuarta edición do coworking do Salnés, en Vilanova de Arousa, no que participan os promotores de 16 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.
As actividades dos 19 emprendedores -16 mulleres e 3 homes- que participan na aceleradora do Salnés enmárcanse no sector agroalimentario e os servizos á industria e o turismo e a hostalaría. Así, entre as iniciativas, inclúense proxectos de comercialización de aceite de oliva premium, produción vitivinícola de autor, oferta de servizos medioambientais no eidos da alimentación e albergues de uso turístico.
Estes días tamén están a dar comezo as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. A do Ribeiro, situada no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) centrarase no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.
As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; e Ferrolterra (con sede en Ferrol), ademais da do Salnés (Vilanova de Arousa).
A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.
Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.