Bueu (Pontevedra), 11 de febreiro de 2020.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe en Bueu, durante a visita ás instalacións da compañía Corvus Belli, que a especialización profesional dos mozos e mozas de Galicia é unha das claves para avanzar cara a Industria 4.0, sinalando que a empresa pontevedresa é unha das pemes que están a desenvolver proxectos de mellora ao abeiro do novo programa Profesionais 4.0, destinado a promover a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos.
O director do Igape puxo de relevo ademais o esforzo de Corvus Belli por incrementar a súa presenza nos mercados exteriores. A empresa pontevedresa, dedicada desde hai máis de 18 anos ao deseño e creación de xogos e a fabricación de miniaturas, desenvolverá un proxecto de mellora da súa presenza internacional, ao tempo que leva a cabo o proceso de reedición do seu xogo máis icónico, o Infinity, un xogo de miniaturas que simula combates futuristas nunha contorna de ciencia-ficción. Corvus Belli conta na actualidade cunha comunidade activa de máis 20.000 xogadores e xogadoras de todo o mundo, que reciben soporte continuo da compañía a través de diferentes canles de comunicación.
Tal e como informou o director do Igape durante a visita, no eido da Industria 4.0 a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a convocatoria de axudas da nova liña Maquinaria 4.0, dotada con 2 millóns de euros ata 2021 para incentivar aos fabricantes de bens de equipo e maquinaria a desenvolver produtos que dean resposta a necesidades concretas do sector e que permitirá reforzar a estandarización neste ámbito produtivo e facilitar a compra local, nacional e internacional de tecnoloxía xerada en Galicia.
Ata o 7 de abril, empresas e agrupacións empresariais que se constitúan con este obxectivo poderán presentar as súas propostas para os cinco retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Igape ao tecido produtivo galego a finais do pasado ano.
Estes retos inclúen a posta en marcha dun sistema en liña para a inspección na fabricación de automóbiles, así como outro para a análise dos parámetros nutricionais na conserva de atún; o desenvolvemento dunha prensa de embutir para a fabricación de envases, tamén na industria conserveira; a achega dunha solución de loxística circular para o envase de froita; e o deseño e construción dunha máquina para inxección de plástico. As empresas e agrupacións empresariais Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Conservas Selectas de Galicia, Kiwi Atlántico, Tromosa e Frinsa son as entidades tractoras que poñerán en marcha as solucións seleccionadas.
Entre outros, os apoios achegados a cada iniciativa polo programa poderán acadar do 50 ao 60% dos investimentos en desenvolvemento tecnolóxico, o 50% dos destinados á innovación e o 70% dos dirixidos a fins comerciais.